Folga de coidados

COIDAR é un traballo tanto físico como emocional, un traballo non remunerado que se presta no ámbito privado do doméstico, o que invisibiliza a quen o presta, e faise en virtude das relacións afectivas e de parentesco.

O patriarcado é un instrumento fundamental para o sistema capitalista. Asignando ás mulleres o coidado e xerando un mundo público masculino desvinculado dos tempos biolóxicos e ecolóxicos, onde os horarios laborais non importan porque as mulleres estamos na casa para ocupármonos dos coidados da familia.

Esta é unha realidade que sufren as mulleres coidadoras de persoas con enfermidade mental

As cifras ilustran esta situación, o 60% das coidadoras principais en persoas maiores son mulleres. O 75% no caso de persoas con discapacidade, son mulleres, e o 92% nos coidades das persoas que necesitan atención por calquera motivo tamén son mulleres. E se a coidadora principal necesita axuda? Pois serán as outras mulleres da familia nunha porcentaxe moi elevada as que se fagan cargo.

É necesario entender toda a teoría dos coidados desde unha visión de CORRESPONSABILIDADE. É preciso que os homes comecen a ocupar esta esfera. Non existe a neutralidade, “se non coidas: descoidas!”

O traballo de coidar e as condicións nas que se desenvolve afectan á vida da coidadora principal, xa que esta ten que compatibilizar distintas responsabilidades. A economía capitalista non quere retribuír o traballo que se realiza, en moitas ocasións, de xeito gratuíto, priorizando o enriquecemento económico ao coidado.

Hoxe os coidados son, alén dun labor estigmatizado e oculto, para moitas mulleres unha carga que nos vemos obrigadas a realizar; para outras un emprego precarizado, inestábel e desprestixiado. Neste último caso é indispensábel que os coidados pasen a un primeiro plano, profesionalizando e optimizando este tipo de traballos, dotando a todas as traballadoras do fogar e de coidados dos dereitos laborais e de protección social que nos corresponden, garantindo o acceso a prestacións por desemprego e xubilación, obtendo salarios acordes ao valor do traballo.

Podemos afirmar que os coidados escríbense en feminino singular

Este próximo 8 de marzo Día internacional da Muller Traballadora púxose o centro na FOLGA DE COIDADOS e na FOLGA DE CONSUMO. Pero diferentes sindicatos (non de maneira unitaria como xurdiu na anterior convocatoria) tamén convocan a FOLGA LABORAL, xa que moitas mulleres neste país tamén traballamos en domingo.

Temos que poñer o foco en todas as mulleres coidadoras, dando visibilidade e reivindicando que o traballo que elas prestan sexa recoñecido como un ben social de primeira orde.

Deixa unha resposta