A Voz de Lenda é unha revista que publica o Centro de Rehabilitación Psicosocial e Laboral Lenda dende o ano 1999. Forma parte do Programa de Actividades Alternativas polo seu carácter innovador, creativo, normalizador e incluso estratéxico de cara á rehabilitación das persoas con enfermidade mental. Actualmente contamos cun equipo redactor de máis de trinta persoas e catro colaboradores que participan na elaboración deste voceiro.
A REVISTA COMO MEDIO DE EXPRESIÓN
A revista é un medio de expresión das distintas realidades que forman Lenda, das inquedanzas, dos sentimentos, dos soños, das motivacións, das alegrías e tristezas, das preocupacións, das reivindicacións, das ideoloxías e de todo o que queremos transmitir e de todo sobre o que queremos aprender.
A REVISTA COMO METODOLOXÍA DE TRABALLO
A revista é unha forma de traballar, de normalizar, de recuperación da persoa con enfermidade mental, de estimular, de crear, de rehabilitar…
A metodoloxía de traballo é similar á dun equipo de redacción dunha revista: a través de reunións semanais faise un reparto de traballo, onde cada participante é responsable dunha sección, dun artigo ou dunha tarefa dentro da revista. Realízase un cronograma onde se establecen os prazos de entrega e cada traballo realizado é debatido e aprobado en equipo. Cada número ten unha liña editorial propia e ao rematar faise unha presentación pública. Ao longo destes quince anos contamos coa colaboración de persoeiros de distintos ámbitos: Sechu Sende, Méndez Ferrín, Margarida Ledo Andión, Rafa Vilar, Miguel Anxo Abraira, Mercedes Expósito, Elena de las Heras, José Luís Fernández Sastre, Marcos Serrano e Óscar Pereiro entre outros.