Servizos

SERVIZO DE INFORMACIÓN E ORIENTACIÓN

INFORAPA: INFORMACIÓN, ORIENTACIÓN E APOIOS

@s nos@s  profesionais ofrecen atención individualizada e especializada, proporcionando información e asesoramento sobre saúde mental e recursos existentes que poidan servir de utilidade ás persoas que teñen unha enfermidade mental, ás súas familias ou persoas achegadas.

PROGRAMA DE RESPIRO FAMILIAR

PROGRAMA DE OCIO, BENESTAR E RESPIRO

Intentamos favorecer a calidade da convivencia familiar, proporcionando oportunidades de respiro ás persoas con enfermidade mental e aos familiares cos que conviven.

As persoas que participan neste programa rachan coa rutina diaria dun xeito lúdico, cultural e saudable. O programa desenvólvese con actividades culturais, estancias vacacionais de fin de semana, viaxes de curta duración organizadas dende FEAFES Galicia e viaxes do IMSERSO.

SERVIZO DE ACCIÓN SOCIAL

PAIEM. Programa de Saúde Mental no Centro Penal de A Lama

O obxectivo xeral deste programa é o de mellorar as situacións das persoas con enfermidade mental que están privadas de liberdade.

Obradoiros de psicoeducación, estimulación cognitiva, hábitos de vida saudable, saídas terapéuticas e deportivas, son parte das terapias que traballamos, dirixidas a aumentar a súa adaptación ao ámbito penitenciario, a mellorar a súa autonomía persoal e prepararse para a saída.

Traballamos tamén coas súas familias e persoas achegadas. Realizamos obradoiros de sensibilización en saúde mental específicos para funcionarios.

No ano 2017 recibimos a Medalla de Bronce ao Mérito Social Penitenciario, condecoración que outorga a Secretaría Xeral de Institucións Penitenciarias, polo traballo realizado no programa PAIEM no Centro Penitencario de A Lama.

ASORPA. Programa de atención sociosanitaria, residencial e promoción da autonomía

Programa de atención sociosanitaria en domicilio para persoas con enfermidade mental grave, onde se promove a autonomía persoal e o apoio psicolóxico destas e dos seus familiares, así como a coordinación con outros servizos comunitarios.

Inténtanse frear ou parar o deterioro cognitivo que impide á persoa a integración no seu entorno de forma normalizada e autónoma, así como o desenvolvemento laboral, social e persoal.

Con este programa refórzase a deficitaria atención que recibe o colectivo de persoas con enfermidade mental tamén no medio rural a causa do insuficiente desenvolvemento dos recursos de atención comunitaria en Galicia.

Programa Incorpora Saúde Mental

A través deste programa dáse continuidade ao Programa de Saúde Mental no Centro Penal de A Lama. Enmarcado dentro de dúas liñas de actuación: o acompañamento de persoas con problemas de saúde mental ex xudicializadas e as súas familias e a sensibilización de axentes sociais, xudiciais e corpos de seguridade en saúde mental.

PROGRAMA DE APOIO E SOPORTE INTEGRAL

Buscamos favorecer a continuidade e a proximidade na atención ás persoas con enfermidade mental crónica e o desenvolvemento da súa autonomía persoal, así como favorecer as capacidades das persoas coidadoras no manexo de determinadas situacións tanto intrafamiliares como persoais.

Está dirixido a persoas con enfermidade mental, as súas familias e achegados que presentan de forma constante dificultades en áreas básicas da vida diaria, no seguimento dos tratamentos, na continuidade da atención sociosanitaria, no acceso aos dispositivos e recursos para a integración e inclusión social, na participación de actividades na comunidade e, no caso das familias, atrancos na súa labor tanto como coidadoras como de manexo persoal da situación.

Damos apoio aos familiares implicados, como axentes activos no proceso de tratamento e rehabilitación das persoas con enfermidades mentais, para previr e manexar posibles alteracións físicas, psicolóxicas e sociais, derivadas das tarefas que isto conleva, proporcionándolles información sobre saúde mental, dándolles soporte emocional e recursos para a resolución de conflitos, fomentando sempre o autocoidao.

PROGRAMA URDIDEIRA

Urdideira pretende ofrecer unha intervención integral a persoas con diagnóstico de Trastorno de Personalidade (TP), dende a intervención psicosocial e comunitaria, achegando os recursos dispoñibles dentro da comunidade e tecendo redes de acompañamento e solución de problemas que poden derivar da súa patoloxía.

O traballo baséase nas intervencións individuais e familiares, cunha metodoloxía centrada na psicoeducación, na escoita, na rehabilitación funcional e na integración social e laboral. 

Os obxectivos específicos neste programa son:

– Ofrecer unha canle de comunicación da entidade coas persoas usuarias dos servizos, ás súas familias e persoas achegadas, de xeito presencial, telefónico ou telemático.

– Dar un servizo de apoio integral a persoas con trastorno de personalidade, ás súas familias e persoas achegadas, que non están vinculadas con ningún dispositivo sociosanitario, axeitado á situación das persoas beneficiarias, incluída a atención a domicilio.

-Favorecer o desenvolvemento dun proxecto de vida baseado no autocoidado.

-Coordinar con outras entidades, servizos sociais de base, servizos sanitarios ou centros educativos, para fomentar os recursos de proximidade e “encaixar” no tecido comunitario.

PROGRAMA TREBA PROXECTO VITAL. Prevención do Suicidio e Posvención

O Programa TREBA Proxecto Vital é unha iniciativa de prevención do suicidio e acompañamento emocional dirixida á poboación do Concello de Redondela e da súa contorna. O seu obxectivo principal é reducir o risco de condutas suicidas mediante unha intervención integral, comunitaria e sostida no tempo, promovendo o benestar emocional, a detección temperá e a atención especializada ás persoas en situación de vulnerabilidade.

A iniciativa ofrece atención psicoterapéutica individual, acompañamento emocional e asesoramento especializado a persoas en risco, así como apoio ás súas familias e contornas. As intervencións inclúen avaliación da conduta suicida, actuación en situacións de crise, elaboración de plans de seguridade e coordinación cos recursos sanitarios e sociais existentes.

Ademais da intervención directa, o programa desenvolve accións de sensibilización comunitaria e formación de axentes clave, co obxectivo de reducir o estigma arredor da saúde mental e fomentar unha cultura de coidado e prevención.

TREBA Proxecto Vital demostra que a prevención do suicidio require presenza continuada, vínculos de confianza e coordinación entre institucións e comunidade. O programa aspira a consolidarse como un recurso de referencia no territorio, garantindo que ningunha persoa teña que afrontar o sufrimento en soidade e reforzando unha rede de apoio baseada na escoita, o acompañamento e o coidado colectivo.

CENTROS

Centro de Rehabilitación Psicosocial e Laboral

O Centro de Rehabilitación Psicosocial e Laboral Lenda (CRPL Lenda) ten 45 persoas prazas concertadas co Servizo Galego de Saúde.

Réxese polo Decreto 389/1994, do 15 de decembro, polo que se regula a Saúde Mental en Galicia. O seu funcionamento está regulado pola Orde do 23 de outubro de 1998, pola que se establecen as normas de organización e funcionamento dos centros de rehabilitación psicosocial e laboral.

Conta coa autorización sanitaria de posta en funcionamento, conforme o artigo 6 da Orde do 23 de outubro de 1998, como desenvolvemento dos dispositivos de apoio comunitario para persoas con enfermidade mental crónica.

Está inscrito no Rexistro de autorización de centros, servizos e establecementos sanitarios da Consellería de Sanidade.

Defínese como un recurso de atención diúrna en réxime ambulatorio que ofrece unha serie de programas destinados á rehabilitación psicosocial e laboral das persoas con enfermidade mental, á integración social e ao fortalecemento do funcionamento persoal, familiar, laboral e social.

O centro desenvolve programas individualizados de rehabilitación psicosocial e laboral, de apoio á integración comunitaria e actividades de apoio social, co obxectivo de favorecer a recuperación da autonomía das persoas usuarias e promover o seu mantemento e integración na comunidade. Tamén ofrece apoio e asesoramento ás súas familias.

O CRPL Lenda está cofinanciado pola Unión Europea no marco do programa FSE+ Galicia: “Programa de atención sociosanitaria para persoas con trastorno mental severo. 2026-2028”

O obxectivo da operación é a implementación dun novo modelo de atención sociosanitaria comunitaria para persoas con trastorno mental grave a través de centros de rehabilitación psicosocial e laboral como medio para promover a integración laboral.

O resultado que se pretende acadar é a integración no mercado laboral do maior número posible de persoas con trastorno mental grave.

 

Centro Ocupacional

O Centro Ocupacional Lenda ten 10 prazas, 9 das cales están concertadas coa Consellería de Política Social, e derivadas a través do Servizo de Dependencia e Autonomía Persoal.

O noso obxectivo é potenciar e mellorar as habilidades necesarias para a preparación e integración laboral, coa finalidade de conseguir o maior desenvolvemento persoal dende una perspectiva normalizadora e integradora.

SERVIZO DE COMUNICACIÓN, SENSIBILIZACIÓN E PARTICIPACIÓN

En Lenda gústanos participar na comunidade, sensibilizar a través da visibilización da saúde mental en campañas de rúa e en redes sociais.

Gustamos de achergarnos aos centros educativos, participar en diferentes accións na contorna, difundir informacións axeitadas sobre a saúde mental, compartir coa sociedade e normalizar.

Sinalado como un dos principios que rexen a filosofía da atención neste recurso, a participación dos axentes na propia xestión do centro ha de ser tida en conta como un dos motores fundamentais do cambio. Por iso, promoveranse sistemas de participación dos axentes implicados: persoas usuarias, familias e profesionais.

O centro conta con estratexias e mecanismos diversos que posibilitan a participación destes axentes e que van máis alá que os sistemas de información.

Estratexias como as seguintes: reunións grupais de valoración (de persoas usuarias, de familiares e de profesionais), caixa de correo de suxestións, participación das persoas usuarias e das súas familias no Programa de Intervención Individualizada, participación das familias no desenvolvemento de programas de intervención e grupos de traballo con todos os axentes implicados, asembleas de usuarios e usuarias onde se decidan actividades relacionadas co centro como as de tempo de lecer e respiro familiar, etc.

PROGRAMAS DE COOPERACIÓN PARA ENTIDADES SEN ÁNIMO DE LUCRO

Os programas de cooperación son instrumentos a través dos que se ofrece ás persoas demandantes de emprego unha oportunidade para adquirir a experiencia laboral que lles poida facilitar a súa futura inserción no mercado de traballo.

Estes programas de apoio cumpren así unha dobre función: mellorar a empregabilidade das persoas contratadas a través da adquisición de experiencia na súa categoría profesional e realizar tarefas e servizos de utilidade social e de interese para a comunidade.

As entidades contratantes serán entidades sen ánimo de lucro con centro de traballo en Galicia e que estean inscritas no Rexistro Único de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais (comunidade, dependencia, discapacidade, inclusión, maiores, familia, infancia, menores e igualdade), servizos cada vez máis demandados pola sociedade e que precisan de profesionais para cubrir as necesidades de crecemento do sector.