Saúde mental

Recoñecer e entender o que son as enfermidades mentais é un primeiro paso para romper tópicos, falsas crenzas e diminuír os prexuízos e a estigmatización  cara as persoas con enfermidade mental.

A continuación presentamos unha serie de preguntas e respostas xerais que a sociedade soe plantexarse en torno á saúde mental.

Para obter máis información ou documentación específica, non dubides en poñerte en contacto con nós.

Preguntas frecuentes

QUE É A SAÚDE MENTAL?

Para facer unha definición da saúde mental, facemos unha achega á Organización Mundial da Saúde (OMS) que nola define como:

"Un estado de benestar no cal a persoa é consciente das súas propias capacidades, pode afrontar as tensións normais da vida, pode traballar de forma produtiva e frutífera e é capaz de facer unha contribución á súa comunidade".

A importancia da saúde mental destácase tamén na definición de saúde que figura na propia Constitución da OMS:

 "A saúde é un estado de completo benestar físico, mental e social, e non soamente a ausencia de afeccións ou enfermidades".

Para coidar a nosa saúde mental, debemos atender:

  • ... Aos hábitos de alimentación
  • ... Ao autocoidado
  • ... Ao estilo de vida
  • ... Ao consumo de tóxicos
QUE É UNHA ENFERMIDADE MENTAL?

O trastorno ou enfermidade mental é unha alteración de tipo emocional, cognitivo e/ou do comportamento, no que quedan afectados procesos psicolóxicos básicos como son a emoción, a motivación, a cognición, a conciencia, a conducta, a percepción, a aprendizaxe, a linguaxe, o cal dificulta á persoa a súa adaptación ao entorno cultural e social no que vive e crea algunha forma de malestar subxectivo.

QUE TIPOS DE ENFERMIDADE MENTAIS EXISTEN?

Seguro que algunha vez escoitaches falar deles, como a depresión , os trastornos por ansiedade, o trastorno bipolar, as psicoses como a esquizofrenia, o trastorno obsesivo compulsivo, os trastornos da alimentación, etc.

Na actualidade existen diferentes manuais de diagnóstico que os profesionais aceptan e utilizan para categorizar as enfermidade mentais, pero segue a haber desacordo na clasificación entre os diferentes modelos de traballo en saúde mental.

É fundamental entender a enfermidade mental como unha parte da nosa vida e unha circunstancia máis da persoa, e non como un elemento que anula o resto das nosas capacidades.

É importante saber que as enfermidades mentais poden tratarse para lograr a recuperación ou permitir que a persoa que a padece poida ter unha mellor calidade de vida.

 

CALES SON AS CAUSAS DAS ENFERMIDADES MENTAIS?

O trastorno mental responde moi poucas veces a modelos simples do tipo causa - efecto. As causas das enfermidades mentais son probablemente múltiples, e nalgúns casos son descoñecidas.

Segundo a Organización Mundial da Saúde, unha de cada catro persoas presenta un trastorno mental ao longo da súa vida. Aínda que poida haber persoas con máis predisposición xenética que outras a telo, os factores ambientais poden afectar de forma determinante na aparición de trastornos mentais, polo que todos estamos expostos a iso.

AS ENFERMIDADES MENTAIS TEÑEN CURA?

A curación da enfermidade mental é unha das maiores preocupacións que ten unha persoa con enfermidade mental e os seus familiares.

Temos que falar moitas veces de melloría, de recuperación e incluso de cronicidade.

A detección e o diagnóstico precoz son fundamentais para o desenvolvemento da enfermidade e para o seu tratamento.

Debemos ter en conta que o tratamento en saúde mental non soamente é farmacolóxico, senón que parte do traballo é terapéutico, social, familiar, é un traballo “normalizador”, que fomenta a “autonomía”, a “independencia”, o “empoderamento” e a participación.

COMO SE PODE ACCEDER AOS SERVIZOS DA ASOCIACIÓN LENDA?

Para acceder aos servizos da Asociación Lenda o primeiro paso é chamarnos para contarnos o teu caso.

A través do Servizo de Información Asesoramento e Apoio podes pedirnos información sobre a asociación ou sobre saúde mental.

Para ser usuaria ou usuario dos nosos centros existe un circuíto de derivación a través do SERGAS (para o Centro de Rehabilitación), e da Consellería de Política Social (para o Centro Ocupacional). Cunha simple chamada explicámoscho todo!

Para acceder ao Programa de Atención a Domicilio, ponte en contacto con nós e valoraremos o teu caso.