Que imaxe mostra a literatura actual das enfermidades mentais?
O tratamento non é nefasto, pero tampouco tan coidadoso como debería ser. Aínda queda moito traballo por facer. A saúde mental aínda hoxe en día sofre os malos tratos dalgúns medios, e iso cala na audiencia, na poboación. Cantas veces oímos nas noticias empregar o termo «enfermo mental» para referirse a criminais, contribuíndo a unha lóxica perversa segundo a cal unha persoa cun problema de saúde mental ou cun comportamento que se sae da norma é un unha persoa perigosa?
Temos o mal costume de crer que algo que se repite moito, que se reflicte de maneira constante no que consumimos, é unha verdade innegable. Pasa coa saúde mental e pasa con moitas outras cousas.
Citando a Jean-Paul Sartre: «As palabras son pistolas cargadas». Fagamos algo bo con elas.
Deixámosvos a continuación otras catro obras literarias que dan perspectivas diferentes da saúde mental en diferentes momentos da historia actual.
“Viaje al Manicomio” de Kate Millett
“Viaje al manicomio” é a poderosa e impactante historia persoal da loita de Kate Millett para manter o control da súa vida tras ser diagnosticada como maniaco-depresiva. Tras dous breves internamentos en centros psiquiátricos, a artista, escritora e activista feminista comeza a vivir aterrorizada pola posibilidade de ser recluída de novo. Finalmente, o seu peor pesadelo convértese en realidade e é internada durante unha viaxe a Irlanda por decisión dos seus familiares. Nestas memorias, Millett evoca maxistralmente a montaña rusa de sentimentos que supón o trastorno bipolar (euforia e desesperación; paranoia e impotencia; a angustia e a vergoña de saberse incapaz) e constrúe unha alegación a favor dos dereitos civís das persoas con enfermidade mental na sociedade.
“Mujeres y locura” de Phyllis Chesler
“Mujeres y locura” é un traballo pioneiro do ícono feminista de Chesler. Este libro foi o primeiro en abordar cuestións críticas sobre as mulleres e a saúde mental. Ao combinar as entrevistas das pacientes cunha análise dos roles das mulleres na historia, a sociedade e o mito, Chesler conclúe que existe un dobre estándar terrible cando se trata da psicoloxía das mulleres. A autora aborda de fronte moitos dos temas máis relevantes para as mulleres e a saúde mental na actualidade, incluídos os trastornos alimentarios, a aceptación social dos antidepresivos, as adiccións, a sexualidade, a depresión posparto e máis. “Mujeres y locura” segue sendo tan importante hoxe como o foi cando se publicou por primeira vez en 1972.
“Carrusel” de Berta Dávila
Unha escritora que atravesa unha crise creativa decide elaborar un relato do seu percurso vital coa intención de encontrarlle sentido a un pasado difícil, marcado pola doenza mental que padece. Enfrontar as propias pantasmas nun libro lévaa a mergullarse no pouso íntimo das vivencias que o tempo deixou atrás e nas afinidades ignotas e inusitadas que elaboran as lembranzas da súa historia familiar e persoal. Só así será quen de afondar na súa condición de enferma, na súa relación co imprevisible tío Carlos, que sofre a mesma doenza, e tamén na súa experiencia coa maternidade e coa perda de seres queridos. É posible que iso a axude a dar significado ao pasado e a entender o futuro, mais ningún futuro está escrito e, moito menos, o de quen escribe para intentar salvarse.
“Manicomio” de Montse Batalla
Clara ten 19 anos, estuda segundo de historia, fai horas nun bar de copas e mantén unha relación algo tormentosa con Pau. Considérase unha moza vitalista e a súa vida transcorre coas preocupacións e alegrías propias da súa idade. Ata que de súpeto aparecen os primeiros síntomas. Insomnio. Fatiga. Falta de concentración. Bloqueo emocional. Medo.
“Manicomio” é un testemuño de primeira man que mestura denuncia, divulgación e consolo. A crónica pormenorizada do que ocorre cando un trastorno mental fai acto de presenza nunha vida corrente e á vez a posta en escena das terribles consecuencias dun diagnóstico equivocado.
moitas grazas super equipo de Lenda!