Dende o ano 2020 estase a levar a cabo o Programa Emociona Saúde Mental, un programa creado para proporcionar apoio emocional tanto a persoas con trastorno mental grave como ás súas persoas coidadoras, familiares e achegadas.
Máis de 60 persoas foron atendidas nas tres convocatorias levadas a cabo e queremos resaltar a importancia de darlle continuidade para poder seguir facendo unha atención axeita das persoas con enfermidade mental que o sigan precisando cun trato máis próximo e local, nun momento onde a demanda de atención en saúde mental aumenta de maneira exponencial.
Este proxecto intenta integrarse co estilo do Plan de Saúde Mental de Galicia poscovid-19, seguindo os seus eixes de acción: participación, autonomía e sensibilización; recuperación como meta; gobernanza, coordinación e transversalidade; saúde mental na infancia e adolescencia; xestión do coñecemento, investigación e avaliación.
Pasada a pandemia e xa nunha etapa de normalización das actividades, a saúde segue a ser un factor estresante para a poboación en xeral e máis no caso de persoas con enfermidade mental grave, así como ás persoas coidadoras e achegadas, en definitiva, para as persoas para as que traballamos. As consecuencias e efectos da presente enfermidade, o medo á vacinación e aos seus efectos e o temor e a ansiedade con respecto a unha nova enfermidade e o que podería suceder resultan abafadores e poden xerar emocións negativas fortes.
As medidas como o distanciamento social fixeron que as persoas se sentan illadas, en soidade non desexada, o que posibilita que aumente a tensión e a ansiedade.
Tras tres anos de pandemia, o medo continúa e en determinados sectores como o sanitario e o socio-sanitario, as medidas de prevención seguen a ser bastante esixentes, xa que traballamos con poboación vulnerable a nivel físico e psicolóxico.
No último ano prestamos atención a 20 persoas, detectáronse casos de covid, e realizouse un seguimento das persoas usuarias que atendemos co programa Emociona Saúde Mental.