Saúde mental, prioridade global

Este ano o Día Mundial da Saúde Mental estará enfocado a reivindicar que a saúde mental sexa unha prioridade. Esta reivindicación histórica ten aínda máis forza na época do COVID e reflicte a especial relevancia do movemento asociativo.

Para iso, na imaxe incluíronse algúns elementos representativos da situación que estamos a vivir, como a máscara, transformada en pancarta como principal símbolo de acción reivindicativa. Esta pancarta está sostida polas persoas que, sobre unha balanza equilibrada, apelan á equidade e a igualdade de acceso a recursos. Dun lado a sociedade civil e doutro, profesionais de distintos ámbitos (sanitario, social, educativo), imprescindibles no traballo por e para a saúde mental.

A identidade visual deste ano busca transmitir ás institucións públicas a necesidade urxente de investir en saúde mental e contar con recursos e un número de profesionais, adecuado e suficiente para atender as necesidades da poboación. A idea de investir en saúde mental non só responde á necesidade sanitaria, senón que é unha cuestión de xustiza social e que permitirá sociedades máis sas e igualitarias.

Cabe lembrar a situación de desvantaxe en canto a recursos en saúde mental en España, onde o número de profesionais da Psicoloxía Clínica é tres veces inferior á media europea. Coa inesperada crise do COVID-19 e as medidas de confinamento que se tiveron que tomar a nivel mundial, unha parte da poboación, en xeral, e as persoas con trastornos mentais, en particular, viron empeorada a súa saúde mental. Dende a Confederación e todo o movemento asociativo puxéronse todos os medios necesarios e continúase traballando para paliar e minimizar os efectos da pandemia sobre a saúde mental das persoas. Situacións de dó, intentos de suicidio, medo a saír á rúa, ansiedade, depresión, a sensación de vulnerabilidade por parte das persoas maiores e a soidade de quen vive soas, a situación especial que viviron as e os profesionais sanitarios, etc. Trátase de circunstancias comúns a todos os países, polo que o seguinte paso é elevar estas reivindicacións ao plano internacional, sumando forzas e voces ás entidades de todo o mundo e facendo visible que a saúde mental ha de ser unha prioridade global.

Deixa unha resposta