O suicidio pódese previr

O suicidio pódese previr, así comeza o comunicado polo Día Mundial da Prevención do Suicidio do Movemento Galego de Saúde Mental. Pódese previr e é responsabilidade de todos e todas nós que así sexa. Responsabilidade como sociedade, como estratexia política, social e sanitaria.

As consultas de saúde mental seguen a estar a saturadas, o tempo de consulta non é suficiente para facer boas valoracións, o tempo entre consultas dilátase no tempo e é preocupante a dificultade existente hoxe en día para a accesibilidade ao sistema sanitario, tanto en Atención Primaria como nos Servizos de Saúde Mental.

Para todas

Facilitar a accesibilidade e facer prevención son obxectivos fundamentais.

Os datos falan por si mesmos, as mortes por suicidio aumentaron no ano 2019 ata 318, fronte ás 288 defuncións rexistradas no ano 2018. Do ano 2020 aínda non hai estatísticas, pero é moi probable que as mortes por suicidio aumenten, dada a situación social, sanitaria e económica que estamos a vivir.

As causas do comportamento suicida son numerosas e complexas e, na súa maioría, están relacionadas con situacións vitais, ben constantes ou circunstanciais. A relación de detonantes pode ser case tan longa como experiencias teña unha persoa ao longo da súa vida, aínda que hai factores que condicionan ideacións e conductas suicidas. A pobreza, o desemprego, a perda de seres queridos, a ruptura de relacións, os problemas xurídicos ou laborais, antecedentes familiares de suicidio, o abuso de alcohol e estupefacientes, os maltratos na infancia, a violencia machista, os abusos sexuais o illamento social e determinados trastornos mentais, como a depresión, o trastorno bipolar ou a esquizofrenia, teñen grande influencia en numerosos suicidios.

Son factores que, coa actual crise da COVID-19, están aflorando con maior intensidade e afectarán a unha ampla porcentaxe da poboación.

A prevención do suicidio é un traballo conxunto, un traballo global. Traballar de cara a unha sociedade de benestar que facilite o acceso a un sistema de saúde de calidade e gratuíto para todas e todos é traballar de cara a manter unha saúde mental social e individual.

Deixamos un enlace da Sociedade Española de Psiquiatría Biolóxica onde expoñen o Libro Blanco da Depresión e Suicidio, un documento estratéxico para a promoción da saúde mental.

Deixamos tamén o enlace ao comunicado do Movemento Galego de Saúde Mental

 

Deixa unha resposta