Violencia contra as mulleres e saúde mental (parte III)

Neste post queremos falar dos factores de vulnerabilidade e risco nas mulleres con problemas de saúde mental que as fan máis susceptibles de sufrir violencia machista, así como dos factores que as protexen desta “lacra social”

Factores de vulnerabilidade

Sufrir violencia no ámbito familiar incrementa as posibilidades de vivir este tipo de situacións na idade adulta. Unha de cada tres mulleres con enfermidade mental sufriu abusos físicos na infancia.

Ser testemuña da violencia que exerce o pai sobre a nai, aínda cando non fose agredida persoalmente. Dáse a circunstancia engadida de que estas vivencias non adoitan ser compartidas ata moitos anos despois da súa ocorrencia.

O estigma da enfermidade mental, que produce rexeitamento e illamento, o que dificulta a detección e intervención de casos de violencia de xénero.

A baixa credibilidade do seu relato, que provoca que as mulleres se inhiban de pedir axuda.

Falta de rede de apoio e/ou emprego, o que produce dependencia económica e emocional.

Baixo ou nulo acceso á información, o que xera que non poidan pedir/ recibir axuda especializada.

Baixa autoestima e sentimentos de baixa valía, o que intensifica a tendencia para xustificar relacións abusivas.

Pouca adecuación dos servizos especializados ás súas necesidades, o que produce victimización secundaria e abandono dos mesmos.

Dependencia da asistencia doutras persoas (frecuentemente a súa parella).

Drogodependencias ou consumo de substancias.

Canto maior é o tempo que se permanece nunha relación na que hai violencia, máis grave é o dano e resulta máis complicado saír dela.

Existen momentos de incremento do risco:

  • Cando hai un agravamento ou unha crise.
  • No embarazo.
  • En diagnósticos de trastorno de personalidade.
  • En diagnósticos de esquizofrenia.
  • Nas fases maníacas nun trastorno bipolar.
  • No trastorno límite de personalidade.

As mulleres con problemas de saúde mental grave vítimas de violencia de xénero sofren múltiple discriminación:

  • Ven cuestionado o seu relato e a veracidade das súas historias de vida
  • Ven cuestionada a súa condición de vítima de violencia de xénero
  • Os/ as profesionais que traballan con elas ampáranse para a súa inacción na idea de que se poden descompensar se se visibiliza unha situación de violencia de xénero (isto carece de fundamento científico)
  • A súa sintomatoloxía ou o seu comportamento é esgrimido como causa da violencia sufrida.
  • Xustifícase a actitude do maltratador
  • A detección de historias de violencia de xénero pasadas e presentes é moi baixa

Cando se detecta violencia de xénero, moitas mulleres non reciben a atención especializada adecuada, xa que os servizos públicos en ocasións non se adaptan ás súas necesidades.

Factores de protección

Existen unha serie de factores que están relacionados coas propias mulleres  e que as protexen como:

  • Contar cunha rede de apoio de calidade familiar e/ou social.
  • A posibilidade de participación social.
  • Non atoparse en situación de pobreza.
  • Ter emprego.

Pero tamén deben terse en conta os factores de protección relacionados cos equipos profesionais que as atenden:

  • Ter coñecementos sobre violencia de xénero.
  • Manter unha actitude constante ante os posibles indicadores de sospeita.
  • Manter un contacto frecuente coa muller, xerando clima de seguridade e confianza.
  • Abordar a violencia de xénero e explorar sempre posibles situacións de malos tratos.
  • Respectar os tempos da muller.
  • Contemplar sempre a perspectiva de xénero.

Deixa unha resposta