Violencia contra as mulleres e saúde mental (parte I)

O 25 de novembro é o Día Internacional da Eliminación Da Violencia Contra as Mulleres e durante este mes dende Lenda queremos afondar sobre o impacto que esta violencia ten na saúde mental das mulleres.

Debemos ter en conta que os obxectivos da violencia machista son o control e causar dano.

E as estratexias para conseguilo son dúas:

  • O sometemento polo medo, mediante agresións físicas, sexuais, destrución de posesións e ameazas de agresións, deixando á vítima nunha posición de indefensión, non se temen solo os golpes, senón toda situación. É unha situación de estrés constante temendo ser agredida.
  • E a destrución da confianza das vítimas no que fan, pensan perciben e senten, conseguindo a perda do propio criterio, mediante a violencia emocional. Isto é o que comunmente chámase “perda de autoestima”, arruinar a imaxe de competencia en dous aspecto básicos do funcionamento humano: o intelectual e o emocional

José Navarro Góngona, Violencia en las Relaciones Íntimas

Tendo en conta tanto os obxectivos como as estratexias, podemos adiantar que o impacto sobre a saúde das mulleres abrangue moitos aspectos.

IMPACTOS NA SAÚDE MENTAL

A violencia exercida sobre as mulleres pode provocar condutas de risco para a súa saúde e condutas compulsivas como o consumo de alcol e/ou substancias, trastornos da conduta alimentaria, etc.

Diminúe a capacidade para cambiar o que fai dano, o que en psicoloxía chámase indefensión aprendida.

“…á indefensión chégase cando se expón á vítima a perigos físicos e non se lle advirte ou axuda a evitalos, se lle sobrecarga con traballos, fáiselle pasar por torpe, descoidada, ignorante, etc.; a falta de afecto unida á repetición e prolongación no tempo de actitudes despreciativas acompañadas con bruscos cambios do estado de ánimo do agresor só é comparable a algunhas torturas”.

 Miguel Lorente, Mi marido me pega lo normal.

Provoca infravaloración e culpa.

Pode chegar a provocar Trastorno de Estrés Postraumático como resultado de experimentar lesións traumáticas ou ter unha experiencia impactante ou atemorizante, como un abuso sexual ou físico. A persoa sobresáltase facilmente, séntese tensa, está alerta continuamente, ten dificultades para durmir ou pode ter brotes de ira. Tamén pode ter problemas para lembrar cousas e ter pensamentos negativos sobre si mesma ou os demais.

Pode ser un detonante para a Ansiedade: pode tratarse de ansiedade xeral, ou pode ser un ataque repentino de medo intenso. A ansiedade pode empeorar co tempo e interferir coa vida diaria.

Pode xerar Depresión: perda de esperanza, falta de enerxía, sentimentos de tristeza intensa, pode haber ideas de morte, incapacidade de gozar de cousas das que antes si se gozaba, etc.

IMPACTOS NA SAÚDE FÍSICA

A violencia sobre as mulleres pode causar:

  • Problemas psicosomáticos: trastornos de dor crónica, gastrointestinais, musculares, mareos, hemicrania, etc.
  • Trastornos xinecolóxicos e sexuais.
  • Trastornos do soño.
  • Secuelas directas dos malos tratos físicos: hemorraxias, fracturas, perda de coñecemento, perda de visión e/ou audición.

IMPACTOS NA SAÚDE LABORAL

As mulleres poden sufrir un deterioro xeral no funcionamento laboral, desde absentismo ata baixas médicas. O impacto que xa vimos na saúde física e mental das mulleres repercute na enerxía e no rendemento nos seus espazos de traballo, do mesmo xeito que nas relacións coas súas compañeiras/os. Do mesmo xeito, ven minguados os seus recursos persoais para afrontar un proceso de procura de emprego.

IMPACTOS NA SAÚDE SOCIAL

Outros efectos poden incluír afastarse doutras persoas e non poder confiar nos demais, ou percibir os novos vínculos con outras persoas como ameazantes, ou como ambivalentes.

A violencia de xénero na parella dáse no plano relacional, ao estar enmarcada no vínculo con outra persoa, polo que os danos poden xeneralizarse e condicionar a forma de relacionarse co resto da súa contorna. A isto súmase o illamento e control tan frecuentes por parte do agresor.

Unha rede de apoio sa e segura na contorna da muller, é clave para a súa saída e recuperación.

Deixa unha resposta