VIII Campionato de Tenis de Mesa

A Asociación Saúde Mental de Ferrol, Eume e Ortegal, xunto coa FEAFES Galicia organizaron un encontro lúdico e deportivo ao que acudiron nove entidades de saúde mental procedentes de toda a comunidade autónoma. Un total de 51 usuarios que participaron no VIII Campionato de Tenis de Mesa, e que fixeron gozar a todo o público do torneo.

Ao final da mañá, o redondelán Jaime Viqueira (da nosa asociación), quedou proclamado campión. En segundo lugar quedou Manolo Aneiros, da asociación anfitrioa Saúde Mental Ferrol, Eume e Ortegal. O terceiro posto, pola súa banda, foi compartido por tres xogadores: Manuel Abril de Doa, Tano Rivera de Alume e José Luís Melón de Doa. Todos os asistentes foron agasallados cunha medalla para premiar a súa participación, e a continuación, celebrouse un xantar de convivencia.

O Campionato de Tenis de Mesa ten como obxectivo promover o deporte en igualdade, impulsar a actividade física entre as persoas con problemas de saúde mental e loitar contra o estigma social que sofre este colectivo. A través deste torneo, as asociacións de Saúde Mental FEAFES Galicia amosan á sociedade a imaxe máis positiva das persoas con problemas de saúde mental, combatendo de modo activo os estereotipos negativos e os falsos prexuízos que se lles asocian.

Deixa unha resposta