Urdideira
Un programa para intervención integral con persoas con
Trastorno de Personalidade, as súas familias e persoas achegadas.
O Programa Urdideira pretende ofrecer unha intervención integral a persoas con diagnóstico de Trastorno de Personalidade (TP), dende a intervención psicosocial e comunitaria, achegando os recursos dispoñibles dentro da comunidade e tecendo redes de acompañamento e solución de problemas que poden derivar da súa patoloxía.
Urdideira é a base de fíos dispostos, horizontal ou verticalmente, sobre a que se van intercalando os fíos de cores que van dando forma ao tear, á composición que vamos escollendo, ao tecido que queremos crear. A urdideira é a base para construír algo, no caso deste programa, para construír vidas a través dunha base, para tecer redes que nos axudan a crear un modelo e proxecto de vida que axude ás persoas con diagnóstico de saúde mental (neste caso, con diagnóstico de TP) a convivir de forma saudable na súa comunidade.
Os TP caracterízanse por patróns persistentes e inflexibles de percepción, reacción e relación, que afectan á forma en como o suxeito percibe e procesa o mundo que lle rodea e que se apartan do que se considera habitual na sociedade en que vive. As persoas que os sofren teñen unha carencia en habilidades de afrontamento, e dificultades para adaptarse ás esixencias propias da vida cotiá, como o traballo, a familia, os amigos, etc. Estes comportamentos adoitan ser estables en diferentes situacións, manténdose o seu patrón de resposta. A sintomatoloxía que conleva ter un trastorno de personalidade causa un malestar clinicamente significativo, con deterioro social ou laboral ou noutras áreas importantes do funcionamento da persoa.
Actualmente, no ano 2024 custa atopar datos específicos da incidencia de trastornos de personalidade na nosa comunidade autónoma. Segundo a páxina web www.statista.com, móstrase unha estatística da evolución anual do número de casos de trastornos da personalidade rexistrados en España de 2011 a 2021. No último ano rexistrado, o ano 2021, rexistráronse aproximadamente 676.160 casos en España, sendo menos de 200.000 no ano 2011.
Para o tratamento dos trastornos de personalidade, as terapias combinadas con tratamentos farmacolóxicos e non farmacolóxicos son as máis indicadas. No caso do Programa Urdideira, o traballo basearase nas intervencións individuais e familiares, cunha metodoloxía centrada na psicoeducación, na escoita, na rehabilitación funcional e na integración social e laboral.
Os obxectivos específicos neste programa son:
- Ofrecer unha canle de comunicación da entidade coas persoas usuarias dos servizos, ás súas familias e persoas achegadas, de xeito presencial, telefónico ou telemática.
- Dar un servizo de apoio integral a persoas con trastorno de personalidade, ás súas familias e persoas achegadas, que non están vinculados as con ningún dispositivo sociosanitario, axeitado á situación das persoas beneficiarias, incluída a atención a domicilio.
- Favorecer o desenvolvemento dun proxecto de vida baseado no autocoidado.
- Coordinar con outras entidades, servizos sociais de base, servizos sanitarios ou centros educativos, para fomentar os recursos de proximidade e “encaixar” no tecido comunitario.