Unha análise de resultados 2025

A prevención do suicidio é unha labor complexa que esixe tempo, presenza continuada e vínculos sólidos coa comunidade. Non pode abordarse de maneira improvisada nin limitarse a actuacións illadas, senón que require planificación, seguimento e un compromiso sostido ao longo do tempo.
TREBA PROXECTO VITAL xorde precisamente con esta vocación de continuidade, dando seguimento ao proxecto Conecta coa Vida, desenvolvido en 2024 con financiamento privado e en colaboración con FAFES Galicia. Durante o ano 2025, o programa contou cun financiamento de 7.725 € procedente da Liña V – Programas de prevención do suicidio e posvención do Servizo Galego de Saúde (SERGAS), ao que se sumou a achega privada da Asociación Lenda para cubrir os custes totais da iniciativa.

O principal obxectivo do programa foi previr e reducir o risco de condutas suicidas na poboación do Concello de Redondela e nos concellos da súa contorna, a través dunha intervención integral, comunitaria e continuada. Para iso, promoveuse o benestar emocional, a detección temperá das situacións de risco e unha atención sostida ás persoas en situación de vulnerabilidade, sempre en coordinación cos recursos sociosanitarios e sociais existentes. No ámbito da prevención e da intervención directa, o programa ofreceu atención psicoterapéutica individual, acompañamento emocional e asesoramento especializado, garantindo unha resposta profesional, próxima e accesible.

Ao longo deste ano atendéronse 26 persoas en situación de risco ou vulnerabilidade (22 mulleres e 4 homes), así como 12 persoas achegadas a persoas en risco, o que supón un total de 38 persoas atendidas. O número global de intervencións individuais ou familiares realizadas foi de 389.

As intervencións desenvolvidas no marco do programa incluíron:
-Avaliación da conduta suicida
-Intervencións en situacións de crise
-Elaboración de plans de seguridade
-Atención psicolóxica individualizada
-Acompañamento a diferentes dispositivos asistenciais

Este dato evidencia que a prevención do suicidio require tempo, continuidade e presenza sostida. Non se trata de intervencións puntuais, senón de procesos intensivos que só son posibles cando existen recursos estables e especializados.

A elevada presenza de mulleres nas intervencións pon de manifesto a necesidade de incorporar unha perspectiva de xénero nas políticas de prevención do suicidio, recoñecendo as desigualdades e os factores específicos que afectan á saúde mental das mulleres.

As derivacións recibidas procederon dos Servizos Sociais da contorna, centros médicos, FEAFES Galicia e tamén de solicitudes directas de persoas ou familiares en situación de risco.

O traballo realizouse de maneira coordinada co conxunto de profesionais e axentes comunitarios implicados no acompañamento das persoas atendidas. Mantívose colaboración coas Unidades de Saúde Mental do SERGAS, con entidades como Alborada ou Doa, cos Servizos Sociais, coas orientadoras de centros educativos, co departamento de Orientación Laboral de FEAFES e con profesionais da psicoloxía e da psiquiatría do ámbito privado.

Por último, durante o ano 2025 desenvolveuse tamén unha actividade de sensibilización en saúde mental e prevención da conduta suicida no IES Mendiño, dirixida a todo o alumnado de 2º da ESO, cunha participación total de 120 estudantes.

Débora (educadora social)  e Elsa (psicóloga sanitaria)  nas xornadas de sensibilización en saúde mental e prevención da conducta suicida no IES Mendiño.

Ao longo deste ano, TREBA PROXECTO VITAL demostrou que a prevención do suicidio comeza coa escoita, coa presenza e coa construción de vínculos de confianza. Detrás de cada intervención tentamos que as persoas atopen un espazo seguro onde sentirse acompañadas, comprendidas e sostidas nos momentos de maior dificultade. O programa pretende dar un apoio real para quen atravesa situacións de vulnerabilidade, pero tamén para as súas contornas, reforzando a idea de que ninguén debe afrontar o sufrimento en soidade. Apostar por este tipo de iniciativas é apostar pola vida, polo coidado colectivo e por unha comunidade máis consciente, solidaria e comprometida co benestar emocional das persoas.