Un día sen carne

Esta semana queremos presentar unha campaña que se está a desenvolver internacionalmente (en máis de 40 países), e que nos parece moi interesante: Un día sen carne.
Ás veces pensamos que é moi difícil levar a cabo no noso día a día unha vida máis en sintonía co medio natural. Das “3R” da ecoloxía (reducir, reutilizar e reciclar), a máis ambiciosa e máis efectiva é a de reducir, diminuír a produción de residuos e promover a conservación do medio natural.

Mandil para o Día sen carne, do noso Obradoiro

Queremos apoiar esta iniciativa porque aínda que é verdade que é necesario unha reflexión máis ampla, que teña en conta outros aspectos coma o transporte, os recursos, ou os residuos, temos que ter presente o impacto da alimentación do primeiro mundo. Esta iniciativa de redución do consumo de carne fáisenos interesante porque é sinxela, convida a reflexionar sobre o impacto do consumo (nos países desenvolvidos) e promove a idea de que é necesario cambiar hábitos para mudar as consecuencias. Ademais se pode seguir dun xeito individualizado pero sentíndose parte dun colectivo, cada vez maior, de xente convencida de que hai que facer algo para a loita contra o quentamento global.
En Francia, por exemplo, están promovendo nos colexios un menú vexetariano unha vez á semana, para que os máis pequenos se acostumen a comer menos carne, e, do mesmo xeito diminuír o 14,5% de gases de efecto invernadoiro producido polo sector da gandaría.
Nós unímonos a esta causa e por iso estamos preparando unha receita vexetal ara o primeiro vídeo con sabor a Lenda na nosa “Lareira”. De momento deixámosvos o mandil que fixemos e a cabeceira para a nosa nova sección.

En breve publicaremos a nosa primeiro vídeo-receita!!

Deixa unha resposta