O certame “Dulcinea Curts”, organizado polo Club Social El Roure, busca que os medios audiovisuais sexan unha forma de integración social e participación comunitaria das persoas con problemas de saúde mental, que a creación audiovisual sexa unha ferramenta de visibilización e loita contra o estigma.
O festival vai xa pola súa IX edición e os vídeos presentados tanto a esta como ás anteriores son accesibles a través de YouTube. O xurado está formado por representantes de diferentes entidades vinculadas á saúde mental. O requisito fundamental para que unha curtametraxe poida participar é que estea realizada por persoas que teñan algunha enfermidade mental.
Hai cousa dun mes, @s usuari@s do Centro Ocupacional decidiron que, aínda que non contasemos con demasiado tempo, sería bo participar e que querían facelo presentando unha obra feita en stop motion. Partindo desta premisa, comezamos a redactar textos cos que elaboramos argumentos, contextos, personaxes… que puxemos en común a través de remuíños de ideas ata que demos co fío que queriamos seguir. Esta parte, xunto co proceso de creación do decorado, dos bonecos e doutros obxectos manipulables, levounos bastante tempo e chegamos algo xust@s á rodaxe e á montaxe… pero chegamos.
Aprendemos moito polo camiño e cremos que nos atreveremos a repetir para podermos tirar proveito de todo o que sabemos agora. Quedamos content@s co resultado e temos moitas ganas de que o vexades.
Esperamos que o desfrutedes tanto coma nós desfrutamos do proceso de crealo.
O Club Social El Roure, de L’Hospitalet, xestionado por AFEMHOS, é un servizo dirixido a persoas adultas que debido a un trastorno mental teñen dificultades para a súa integración social, a participación na comunidade e a xestión do tempo de lecer. É un recurso co obxectivo de romper a apatía e o illamento propio do colectivo que emprega o lecer coma ferramenta rehabilitadora.