Vimos de recibir a confirmación da concesión dunha subvención da Deputación de Pontevedra para a adquisición dun vehículo novo ó abeiro da “Convocatoria e bases reguladoras de subvencións a entidades de iniciativa social da provincia de Pontevedra para a adquisición ou adaptación de vehículos directamente vinculados ao desenvolvemento da súa actividade social no ano 2026”.
A Asociación Lenda, sendo consciente da demanda e a necesidade dun servizo de transporte, non contemplado polo concerto co Servizo Galego de Saúde, creouno, adquirindo no mes de xuño do ano 2009 unha furgoneta de 9 prazas. Este vehículo leva dende entón facendo as rutas diarias de transporte co fin de facer posible a asistencia das/os usuarias/as a entidade. No 2021, a entidade conseguiu adquirir a segunda furgoneta para poder manter dúas rutas de transporte. Actualmente, este primeiro vehículo, con 17 anos e máis de 230.000 quilómetros, demanda uns arranxos de alto custo e o seu interior comeza a estar moi desgastado polo uso diario. A isto súmase que se trata dun medio de transporte que non conta cos sistemas actuais de seguridade, eficiencia e tecnoloxía.
Atendendo a esta situación, a concesión desta subvención de 25.000€ permitirá a substitución do vehículo, garantindo que as persoas usuarias poidan exercer o seu dereito á rehabilitación en condicións de dignidade, seguridade e equidade, xa que estamos a falar dunha ferramenta que posibilita o exercicio de dereitos fundamentais: o dereito á saúde, á rehabilitación e á participación social. Tanto para as persoas que dependen diariamente del como para as que o empregan de forma indirecta, este transporte é a ponte que conecta a súa vulnerabilidade coa súa oportunidade de mellora.
Ademais, o aforro estimado en combustible e mantemento, permitirá reinvestir recursos na mellora directa dos talleres e actividades do centro.
Con este investimento, a Administración non só asegura a continuidade dun servizo, senón que apoia un modelo de inclusión real, sostible e de alta calidade, evitando custos maiores derivados da non atención e contribuíndo a construír unha sociedade máis xusta e igualitaria.
