Saúde mental e ludopatía

A saúde mental e a ludopatía de sempre mantiveron unha relación moi boa por unha parte, cando falamos de comorbilidade (existencia de dous ou máis trastornos ao mesmo tempo),  e con consecuencias moi dramáticas por outra.

As empresas que se lucran a través de xogos de azar, como as casas de apostas, póker online, máquinas de apostas, etc. teñen unha poboación diana. Os principais grupos de risco son a mocidade e as persoas que padecen un trastorno mental.

Estes días na nosa vila moitas e moitos somos partícipes do debate que se xera ao redor da intención de abrir unha casa de apostas en Redondela. Tanto nas conversas na rúa como nas redes sociais, a veciñanza mostra a súa opinión ao respecto.

Con declaracións de tipo “é un negocio legal, cada un vai se quere ou non”, deixamos a responsabilidade de utilizar estes establecementos á propia persoa, ao propio individuo. Realmente somos tan libres como queremos para tomar as nosas propias decisións? Non ten nada que ver a publicidade tan agresiva á que estamos expostas? Non ten nada que ver o feito de que nos poñan unha casa de apostas no camiño que fan as crianzas tódolos días cando van ao seu centro educativo?

Sabemos que o lugar destes locais non é ao azar, que se instalan en barrios obreiros, que se lucran das persoas que viven máis ao día, que teñen risco de exclusión ou precariedade económica e sobre todo, normalizan a súa presenza e a súa actividade entre os máis novos e novas.

As adiccións son algo que non se elixe: non eliximos ser adictas ao tabaco, só queremos gozar dun cigarro, non escollemos ser adictas á cocaína, só queremos pasar un bo rato e desconectar, non eliximos ser adictas ao xogo, só queremos gañar cartos de maneira rápida e sinxela. Non eliximos deixar o noso soldo nunha casa de apostas, nin pedir préstamos para seguir xogando, nin endebedarnos. Iso non o eliximos, iso ven dado pola nosa adicción.

Segundo a Sociedade Española de Patoloxía Dual, máis do 90 por cento de casos de adicción ao xogo están asociados con outros trastornos mentais como a fobia social, trastorno de déficit de atención, trastornos obsesivos compulsivos, personalidade límite ou psicose.

Nunha sociedade mentalmente saudábel a comunidade mira polo ben da comunidade. Nunha sociedade sen empatía, cada individuo mira por si mesmo. Acaso non é unha responsabilidade de todos e todas poder convivir nunha sociedade saudábel?

Dende Lenda, dicimos NON á casa de apostas na nosa vila!

Artigos de interese

Psiquiatras piden regulación das casas de apostas

Marketing das casas de apostas para adolescentes con TDH

Un artigo do 2013:

Apostas online, novo desafío do xogo patolóxico

Deixa unha resposta