A saúde mental cobrou moito protagonismo na literatura estes últimos anos. A concienciación, impulsada pola comunidade psicolóxica e as persoas que quixeron compartir as súas vivencias en relación aos seus propios problemas de saúde mental, e a visibilidade que recibiu o amplo espectro dos trastornos mentais en medios e redes sociais, axudou a que a sociedade deixe de considerar á psicoloxía unha pseudociencia e ás persoas que padecen unha enfermidade mental como perigosas.
É habitual ir ás librerías ou botar unha ollada ás últimas novidades e atopar libros nos que as personaxes teñen depresión, ansiedade, bipolaridade, un TOC, un trastorno alimenticio, trastorno de tensión postraumática, etc. O que non é tan habitual é atopar un libro que reflicta de forma correcta estes trastornos ou que non caia en tópicos moi daniños.
Deixámosvos a continuación a referencia de catro libros máis que falan de saúde mental e que esperamos que sexan do voso agrado.
“Hacia el amanecer” de Michael Greenberg
Construída desde a perspectiva dun meditado relato sobre a tolemia e os límites da cordura, “Hacia el Amanecer” é unha descrición detallada sobre o que o seu autor chama “o paso cara ao descontrol mental” da súa filla de quince anos. Non só é unha novela que asume o trastorno psiquiátrico como unha condición mental que devasta os cimentos do que consideramos realidade, senón que ademais, medita sobre as súas implicacións na percepción do que consideramos real e o que non, como forma de asumir a nosa identidade. Unha crónica sobre a demencia como un espazo entre dúas conclusións contrarias da nosa visión sobre o mundo.
“Un paseo en solitario” de Gul Y. Davis
Dolorosísima e conmovedora, a novela é unha visión descarnada sobre a vida nas institucións psiquiátricas e tamén de algo máis sutil: o illamento e soidade que sofre o paciente psiquiátrico recluído. Afastada do sentimentalismo e sobre todo, baseada nunha reflexión crítica e madura sobre o sufrimento psicolóxico, a novela é unha contundente alegación sobre a noción sobre os trastornos psiquiátricos e as súas consecuencias inmediatas. Un relato construído sobre a dureza, que describe un sistema psiquiátrico que atenta contra a liberdade individual e finalmente, a dignidade nun intento de comprender os alcances da mente humana como expresión intelectual.
“El curioso incidente del perro a medianoche” de Mark Haddon
Unha historia curiosísima sobre os alcances da imaxinación e a capacidade da mente humana para comprenderse a si mesma. Cunha prosa rápida e fluída, a historia narra a visión e perspectiva dun mozo con síndrome de Asperxer e esa dimensión da realidade que o trastorno lle brinda, afastada de clichés, estereotipos e lugares comúns. Unha noción profunda sobre a maneira de como percibimos o mundo e das múltiples interpretacións que esa percepción pode ter.
“La soledad de los números primos” de Paolo Giordano
Trátase dunha poderosa alegoría á soidade, ao illamento e á dor emocional. Unha narración sobre o esencial que sostén a maneira que comprendemos a realidade e a angustia emocional que pode procrear unha ruptura —real ou imaxinaria— co que cremos indispensable na nosa vida. Contada en paralelo desde o punto de vista de dous personaxes contraditorios, a novela avanza entre a percepción do amor, a identidade e a dor como unha elexía aos pequenos trastornos cotiáns. Un prodixio de bo facer literario combinada cunha conmovedora visión sobre o sufrimento, a angustia mental e algo máis sutil, relacionado coa amargura da existencia ferida pola monotonía.