Quen non quere ser feliz? Este podería ser o obxectivo básico, esencial, da vida. Desexamos, pedimos felicidade, para a familia, as persoas coñecidas ou para todos quen nos rodean, e por suposto, nós mesmos. Mais que é a felicidade? Onde temos que ir para atopala?
Que alguén nos axude a atopar a felicidade!
Unha cousa que chama moito a atención nas librarías, grandes ou pequenas, é a dimensión que está a tomar a zona de libros de “autoaxuda”. Podería se chamar “procure a súa felicidade”, porque nesta sección podemos atopar unha gran variedade de libros que nos promoten camiños diversos para que por nós mesmos atopemos iso que tanto ansiamos: a felicidade. Facede vós mesmos a comprobación, entre a listaxe dos libros máis vendidos, dos máis recomendatos sempre aparecen libros de autoaxuda, ou de “crecemento persoal”, que xa non teñen nada que envexar en ventas os best-sellers da narrativa.
E chegado o verán, que mellor tempo para aproveitar e buscar a tan ansiada felicidade! Ofértasenos centos de cursos, de saídas, de viaxes, non só a sitios lonxanos senón ao noso coñecemento interior. Temos de todo, coma en botica, como retiros de mindfulness ou meditación (para as máis ousadas), formación específica en actividades con nomes difíciles de entender, mais que nos prometen un cambio radical da nosa existencia (programación neurolingüística, reiki, sistema ARC), e outras moitas máis, que en base a velas anunciadas en todos os sitios, xa nos resultan vagamente coñecidas aínda que non teñamos idea de sobre que van, como as flores de Bach, o feng shui ou as constelacións familiares.
Se gostas de bailar, cantar, expresarte ou volcarte no teu coñecemento interior, atoparás unha terapia que se adapte á túa forma de ser.
Tan mal andamos?
“Help, I need somebody, help”, cantaban The Beatles. E posiblemente isto está detrás da auxe desta proliferación de oferta na busca da felicidade.
Construímos e vivimos nunha sociedade que vendeu a felicidade como sinónimo de éxito económico ou laboral. Unha sociedade capitalista tremendamente competitiva e individualista, que supuxo que unha doenza como a depresión, irrelevante en séculos anteriores, afecte xa a máis de 300 millóns de persoas no mundo, sendo España o cuarto estado europeo en número de casos, aínda que tamén se nos diga que somos o quinto país do mundo con mellor calidade de vida.
Este individualismo, a ruptura e o debilitamento das relacións persoais, dos espazos comúns, fan que esa exixencia da busca da felicidade se translade e xa está o mercado preparado para asumila ofrecéndonos libros, cursos, viaxes ou calquera outro produto que poida calmar momentaneamente as nosas demandas.
Obsesión e hipocondría: é a falta de felicidade unha doenza?
Todos coñecemos alguén do que dicimos que é un hipocondríaco. Obsesiónase tanto coa súa saúde, que está atento ao máis mínimo sinal do seu corpo, que xa lle indica o xurdimento dunha grave doenza. Se lle doe un pouco un brazo, xa estamos ante un ataque do corazón; se ten unha dixestión difícil, pode ser un síntoma de cancro de estómago. Asalta directamente google e outros novos síntomas das doenzas máis raras que está a descubrir xa os está a sentir no seu corpo.
Non nos estará a pasar, tal hipocondríacos, que nos estamos a obsesionar co noso estado de ánimo? Non estamos a nos obsesionar con pequenos síntomas, que non deixan de ser aspectos cotiáns da vida? Estou un puco triste, estou un pouco decepcionado, non serei feliz de abondo? Estou insegura, dubido moito, non sei afrontar este problema, non me poderei realizar na vida?
Buscade en internet, non vos será difícil atopar multitude de terapeutas, especializados cada un nas máis diversas terapias, que superan con moito o exercicio da psicoloxía. Claro que hai doenzas, e que hai que tratalas, mais esta auxe terapéutica entre o conxunto da poboación, non estaremos a converter vivencias en doenzas?