Non podemos negar a existencia dunha interseccionalidade entre o xénero e as adiccións. Segundo un estudio publicado no ano 2024 pola Confederación de Saúde Mental España “Un 61,3% das persoas con experiencia propia en saúde mental son mulleres frente ao 38,3% de homes”. Este estudo tamén sostén que as mulleres teñen unha probabilidade maior que os homes de consumir psicofármacos.
Atopamos tamén datos coma os seguintes:
“As mulleres manifestan unha menor satisfacción coa súa vida laboral (49,9% están satisfeitas fronte ai 62,5% dos homes) e coa súa situación económica (44,8% fronte ao 54,2% de homes). tamén se amosan máis preocupadas por non poder pagar as facturas e o alugueiro ou hipoteca. Ademais as mulleres ven aos seus amigos ou amigas todas as semanas en menor proporción que os homes e son menos as que ven aos seus familiares todos os días”.
Podemos afirmar que no caso de mulleres que sofren algún problema de adicción existe unha historia de invisibilización.
Da poboación atendida nos centros de atención ás drogodependencias, as estatísticas tenden a situarse xeralmente en torno a un 80% de varóns e un 20% de mulleres. Se analizamos estes datos con perspectiva de xénero podemos observar coma moitas mulleres non chegan ás redes de atención e as que o fan abandonan o recurso.
De acordo co discurso analizado das profesionais de Atención Primaria, as mulleres son as grandes coidadoras e as que máis acusan a sobrecarga do coidado doutros membros do fogar.
Ademais do seu rol de coidadoras as mulleres teñen máis probabilidade de sufrir violencia nas súas relacións, cargan coa esixencia de levar a cabo unha “maternidade perfecta” (se deciden ser nais) e abunda a falta de corresponsabilidade se a muller ten parella, sofren penalizacións constantes se trasgreden o seu rol xenérico normativo e os tratamentos e redes de atención seguen un esquema androcéntrico.
Existe un sistema difícil de soportar sen hipnosedantes ou outras adiccións.
Necesitamos establecer a perspectiva de xénero como ferramenta de análise da realidade, deseño, avaliación, etc para poder dar resposta ás problemáticas específicas que sofren as mulleres polo feito de seren mulleres.
Dende a equipa de Asociación Lenda estamos comprometidas en traballar nesta dirección para poder atender a realidade con esta perspectiva.
Bibliografía:
Álamo, M. D. P., & Acirón, R. (2017). Guía de salud mental con perspectiva de género.
España, C. S. M. (2024). La situación de la salud mental en España. Análisis del movimiento asociativo 2023.
Redondo, P. M. (2009). Extrañándonos de lo” normal”: reflexiones feministas para la intervención con mujeres drogodependientes. Horas y horas.