Que pasaría se se controlase o dereito ao voto?

dereito a voto con control

Que pasaría se un colectivo calquera, LGTB, mulleres, persoas maiores, racializadas, etc. puidese ser sinalado e anotado o seu DNI ao exercer o seu dereito a votar?

Por que sucede isto coas persoas con discapacidade ou problemas de saúde mental?

A finais do mes pasado aprobase por unanimidade no Congreso a reforma da Lei Orgánica de Réxime Electoral  na que se di que “toda persoa poderá exercer o seu dereito a sufraxio activo, consciente, libre e voluntariamente, calquera que sexa a súa forma de comunicalo e cos medios e apoios que requira”

E que “quedan sen efecto as limitacións no exercicio do dereito de sufraxio establecidas por resolución xudicial. Ás persoas ás que se lles limitara ou anulara o seu dereito de sufraxio por razón de discapacidade quedan reintegradas plenamente no mesmo por ministerio de lei”.

A Xunta Electoral Central fai unha interpretación da Lei coa que permitirá que a mesa electoral, interventores e apoderados dos partidos apunten nas mesas electorais o DNI das persoas con discapacidade que consideren que non están exercendo o seu dereito a voto de forma consciente, libre e voluntaria. Aínda que a papeleta non será en ningún caso rexeitada, a Asociación Lenda, como outros colectivos, criticamos que esta instrución supón un dos maiores ataques á dignidade, á imaxe e á liberdade das persoas con discapacidade.

A decisión cremos que é aberrante e atenta contra os dereitos fundamentais de todas as persoas. Persoas como interventores e apoderados, que non teñen unha capacitación específica, poden marcar e cuestionar a calquera que teña ou non unha discapacidade.

Ante esta situación, preguntámonos que criterio van utilizar para marcar desta maneira ás persoas.

Gustaríanos saber cal é a postura dos partidos políticos nesta “interpretación da lei”.

Acordámonos aquí dos mortos que votaban ou seguirán votando, das persoas maiores que carretaban ou seguirán carretando co sobre na man desde as residencias e as aldeas ata os colexios electorais.

Enlaces de interese:

https://www.plenainclusion.org/informate/actualidad/noticias/2019/plena-inclusion-muestra-su-rechazo-la-directriz-de-la-junta

https://elpais.com/politica/2019/03/15/actualidad/1552665233_320217.html

https://elpais.com/politica/2019/03/19/actualidad/1553021830_860987.html

https://www.publico.es/sociedad/junta-electoral-sembrado-dudas-derecho-voto-personas-discapacidad-intelectual.html

https://www.eldiario.es/sociedad/Cermi-voto-disca_0_877362431.html

Deixa unha resposta