
Análise de resultados 2025
O programa URDIDEIRA II ten como finalidade ofrecer unha intervención integral, especializada e de base comunitaria dirixida a persoas con diagnóstico de trastorno de personalidade (TP). A intervención aborda as súas necesidades dende unha perspectiva psicosocial, individualizada e en rede, poñendo o foco tanto na persoa como na súa contorna.
Dende a experiencia directa da entidade, observouse un incremento sostido de persoas con TP que chegan á asociación sen estar a recibir atención doutros dispositivos. Trátase, en moitos casos, de persoas novas con dificultades significativas no ámbito emocional, social e familiar. A realidade cotiá amosa que os trastornos de personalidade son condicións graves, cunha elevada incidencia, pouca visibilidade social e escaseza de recursos especializados. Ademais, moitas destas persoas non poden acceder a centros de día, CRPL ou recursos ocupacionais, ou ben precisan atención no propio domicilio debido á intensidade da súa sintomatoloxía.
URDIDEIRA II da continuidade a unha primeira edición do programa, que permitiu confirmar a pertinencia, o impacto e a necesidade deste tipo de intervención. Durante este ano, o programa mantívose grazas ao financiamento privado da propia entidade, reafirmando o compromiso coa atención a este colectivo.
Ao longo do ano atendéronse 8 persoas con diagnóstico de TP (7 mulleres e 1 home), así como 5 persoas achegadas, o que supón un total de 13 persoas atendidas. O número global de intervencións individuais ou familiares realizadas foi de 146.
A intervención desenvolta no marco do programa baseouse fundamentalmente na atención psicolóxica individualizada e no traballo con familias, favorecendo procesos de acompañamento adaptados ás necesidades específicas de cada persoa.
A intensidade da atención reflicte a complexidade dos trastornos de personalidade e a imposibilidade de dar resposta a estas situacións con modelos asistenciais breves ou descontinuos. Sen programas específicos, estas persoas quedan fóra do sistema.
A elevada presenza de mulleres nos trastornos de personalidade revela unha realidade que continúa invisibilizada e que require recursos adaptados, sensibles ao contexto social, emocional e relacional das persoas afectadas.
As derivacións recibidas procederon de Servizos Sociais da contorna, de FEAFES Galicia e tamén de solicitudes directas de persoas afectadas ou das súas familias.
O programa desenvolveuse en coordinación con diferentes profesionais e axentes comunitarios implicados no acompañamento das persoas atendidas. Mantívose unha colaboración estreita coas Unidades de Saúde Mental do SERGAS, con outras entidades, cos Servizos Sociais, coas orientadoras de centros educativos, co departamento de Orientación Laboral de FEAFES e con profesionais da psicoloxía e da psiquiatría do ámbito privado.
A experiencia desenvolta a través de URDIDEIRA II evidencia unha carencia estrutural na atención ás persoas con trastorno de personalidade, que continúan atopando importantes barreiras para acceder a recursos axeitados e continuados. A falta de dispositivos especializados e flexibles deixa a moitas persoas e familias nunha situación de desprotección prolongada, agravando o sufrimento e a exclusión social. Programas coma este non deberían depender do esforzo illado das entidades nin do financiamento puntual, senón formaren parte dunha resposta pública estable que recoñeza a complexidade destes trastornos e a necesidade de intervencións sostidas no tempo. Garantir este tipo de acompañamento non é un valor engadido, senón unha responsabilidade colectiva para protexer a saúde mental e os dereitos das persoas máis vulnerables.
Os datos amosan que detrás de cifras aparentemente pequenas hai unha enorme carga asistencial e unha necesidade clara de recursos estables. Este tipo de programas non cobren excepcións: cobren baleiros do sistema.



