Propostas confinadas

Dende Lenda queremos, ante todo, facer un recoñecemento xeral a todas as persoas que levamos catro semanas confinadas na casa, seguindo as normas que nos marcan para, entre todas e todos, conseguir parar esta pandemia.

Grazas pola responsabilidade, pola solidariedade, pola comprensión entre veciñas, pola sensibilidade, pola resiliencia, por seguir unha disciplina de vida, unhas rutinas que romperon a vida que levábamos, etc.

Estes días estaredes cheos e cheas de recomendacións e sabemos que non é fácil seguilas todas, pero poder aportar para traballar  pola nosa saúde mental a nós tamén axúdanos a sobrelevar estes días tan diferentes.

Manterse activos é moi importante para a nosa saúde mental, nestes días que nos toca vivir. A ruptura coas actividades habituais pode ser unha fonte de estrés, ansiedade, desconcerto e desorganización. É por iso que fomentar a creatividade pode axudarnos a que o noso día a día sexa mellor.

Busca o momento do día no que te sintas máis creativo, e convérteo nunha rutina diaria. Dedícate 30, 60, 90 minutos. Séntete libre de medos e prexuízos. Escribe, debuxa, colorea, recorta e pega, dobra, o que queiras, pero deixa voar a túa imaxinación.

Para traballar a creatividade é importante estar relaxadas, pensar que unicamente existe o aquí e o agora.

Todo niño es un artista. El problema es como mantener al artista cuando crece.
Pablo Picasso

E que facer para sentirnos un pouco máis relaxadas?

Estar descansadas  reduce o nivel de estrés. Pola contra, a falta de descanso mata a creatividade. Coa falta de sono diminúe a nosa capacidade de concentración e memoria, e afecta aos reflexos e á nosa motricidade. Polo que manter unha rutina para deitarse e levantarse, e non abusar de sestas, son prácticas saudables que nos van a axudar.

Como tamén facer algo de exercicio axudaranos, xa que o aumento de rego sanguíneo no cerebro que se produce cando practicamos algo de deporte, favorece a aparición de novas ideas, que despois podemos levar á práctica.

Os inimigos da creatividade.

 Pero a  creatividade ten dous inimigos, que temos que coñecer para afrontalos e son: o medo e o perfeccionismo.

O medo bloquéanos e non nos deixa desenvolver a nosa creatividade. Temos medo a non ser orixinais, ao xuízo dos demais, a non gustar.

O perfeccionismo mata a creatividade, paralízanos, e fainos pensar que se non imos conseguir a perfección, o mellor é non facer nada.

Pero facer algo é mellor que ser perfectos.

Se conseguimos liberarnos de medos e prexuízos, comezaremos a gozar das nosas ideas.

Deixámosvos os enlaces ás propostas que nos fan dende AMAFE e dende FEAFES na que dan moitas ideas para que o aburrimento non se apodere de nós:

Amafe.org/-yomequedoencasa-actividades

Propostas_FEAFES

Deixa unha resposta