Un programa para a intervención integral con persoas con trastorno de personalidade, as súas familias e persoas achegadas
O Programa Urdideira II nace coa vontade de dar continuidade ao traballo iniciado coa primeira edición do Programa Urdideira, desenvolvido pola Asociación Lenda Saúde Mental durante o ano 2024. O programa tivo como finalidade ofrecer unha intervención integral, especializada e comunitaria para persoas cun diagnóstico de trastorno de personalidade (TP), abordando as súas necesidades desde unha perspectiva psicosocial, individualizada e en rede.
No marco do Plan de Saúde Mental Poscovid-19 (2020-2024) da Consellería de Sanidade, recóllese a necesidade de prestar atención aos trastornos mentais graves (TMG), entre os que se inclúen certos trastornos de personalidade, cando provocan discapacidade prolongada e disfunción social ou laboral significativa. Este plan recoñece explicitamente a necesidade de crear programas específicos para persoas con TP graves, así como o apoio ás súas familias, a súa rehabilitación sociolaboral e a sensibilización profesional e social.
A pesar destas recomendacións, na provincia de Pontevedra non existe actualmente un programa comunitario específico que aborde estas necesidades de maneira integral. Isto supón unha importante carencia no sistema público, especialmente nun contexto no que, segundo datos de Statista, os diagnósticos de trastornos de personalidade en España pasaron de menos de 200.000 no ano 2011 a máis de 676.000 no ano 2021. Estudos clínicos sinalan que as persoas con TP, especialmente dentro do grupo do Trastorno Límite da Personalidade (TLP), presentan unha alta taxa de urxencias psiquiátricas, ideación ou conduta suicida, conflitos familiares e importante deterioro persoal e social.
Na nosa experiencia directa como entidade, observamos un incremento sostido do número de persoas con TP que acoden á asociación sen seren atendidas por outros dispositivos, especialmente mozas con dificultades severas no ámbito emocional, social e familiar. A realidade que nos chega día a día é que os TP son trastornos graves, con alta incidencia, escasa visibilidade e escasos recursos especializados e que moitas destas persoas non poden acceder a centros de día, CRPLs ou recursos ocupacionais ou precisan atención no seu domicilio debido á súa sintomatoloxía.
Neste contexto, o programa adopta o nome Urdideira, que fai referencia á estrutura de fíos sobre a que se constrúe un tecido. A urdideira simboliza a base sobre a que se tecen novas vidas, ofrecendo apoio e acompañamento estable para construír redes de inclusión, benestar e recuperación.
A primeira edición do programa permitiunos constatar a pertinencia, impacto e necesidade desta intervención. A pesar de non acadar as cifras inicialmente previstas, os resultados cualitativos foron moi positivos:
- Excelente acollida institucional e profesional do programa.
- Alta adherencia ao tratamento e continuidade terapéutica das persoas atendidas.
- Capacidade de resposta rápida, tamén ante urxencias.
- Melloras clínicas, funcionais e relacionais observadas.
- Vinculación sostida coa Asociación das persoas participantes.
Cómpre sinalar que, ao rematar o programa no mes de decembro, a demanda non só se mantivo, senón que aumentou, e seguimos a recibir solicitudes de atención por parte de persoas con TP e das súas familias. Este feito constata a existencia dun oco asistencial real, especialmente nas áreas sanitarias próximas á nosa entidade, onde non existe un programa que traballe de forma integral con persoas con TP.
Por todo isto, o Programa Urdideira II propón non só manter a liña de traballo xa iniciada, senón ampliar o número de persoas atendidas, mellorar a coordinación interinstitucional e consolidar unha metodoloxía que artelle recursos e redes comunitarias, promovendo a inclusión social, a saúde emocional e a calidade de vida das persoas con trastorno de personalidade.
