Manifesto polo Día Mundial da Saúde Mental 2025

“Compartimos vulnerabilidade, defendamos a nosa saúde mental”

Nós, persoas usuarias da Asociación Lenda de Saúde Mental, xuntámonos hoxe para facer oír a nosa voz no Día Mundial da Saúde Mental. Falamos dende a experiencia, dende o que vivimos cada día, e dende a convicción de que todas e todos somos vulnerables dalgún modo.

A vulnerabilidade é parte da condición humana. É a desconfianza e o medo a relacionarnos, a soidade e a sensación de crernos menos cós demais. É estar expostos a unha enfermidade ou a unha situación que non podemos controlar. É sentirnos culpables cando non conseguimos o que queremos, non poder defendernos ou non ser comprendidos. É o que sentimos cando algo nos supera, cando perdemos a alguén querido ou cando sufrimos unha inxustiza.

Pero a vulnerabilidade tamén é unha oportunidade. É a posibilidade de facerse forte dentro dela, confiando nas nosas capacidades, resistindo ante as adversidades, con resiliencia, confiando nas demais persoas, abríndonos e compartindo o que nos pasa. É lembrar que pedir axuda non é sinal de debilidade, senón de valentía. É recoñecer as nosas emocións, buscar momentos nos que nos sintamos útiles, vivir de acordo cos nosos valores e permitir que o cariño, o amor, a amizade e o apoio nos acompañen no camiño cara á recuperación.

Sabemos que a sociedade tende a ocultar a vulnerabilidade por medo ao rexeitamento, á burla ou ao estigma. Por vergoña, por temor a non ser aceptados. Por iso, queremos romper ese silencio: as nosas vulnerabilidades non son motivo de mofa nin desprezo, senón de comprensión, solidariedade, aceptación e inclusión

A saúde mental é un dereito. Reclamamos apoio real, políticas públicas axeitadas, acceso a tratamentos dignos, profesionais con vocación e recursos suficientes. Necesitamos terapia, deporte, meditación, espazos de desconexión e ferramentas para fortalecer a nosa saúde emocional. Queremos unha sociedade con máis empatía, información, comprensión e respecto, que recoñeza a diversidade e valore as diferenzas de pensamento.

Sabemos que o camiño cara ao benestar pasa pola colaboración, o compañeirismo, o asociacionismo e a vontade para mellorar. Por portarnos ben cos demais, por dar cariño e compartir. Por fomentar a conversa, a asertividade e a unión entre as persoas. Porque previr, atender e coidar é responsabilidade de todas e todos.

Hoxe reafirmamos que a vulnerabilidade nos une e nos fai humanos. Que todos temos dereito a ser tratados con dignidade, cariño e respecto. Que todas as persoas merecemos estabilidade, apoio e oportunidades para recuperarnos e vivir unha vida plena.

Desde a nosa experiencia e coa nosa voz, dicimos alto e claro:

“Todas e todos somos vulnerables dalgún modo. Todas e todos somos vulnerables fronte a enfermidade mental”
“Podemos facernos fortes dentro da vulnerabilidade”
“Debemos visibilizar a existencia da enfermidade mental e informarnos sen estigmatizar”
“O medo non é unha solución, é parte do problema. Combatamos o medo con información.”
“Ninguén debería enfrontarse só ao seu sufrimento.”
“Fagamos unha aposta pola solidariedade, comprensión e aceptación.”
“Compartimos vulnerabilidade. Defendamos a nosa saúde mental.”

Deixa unha resposta