Manifesto do día da Saúde Mental

No Día Mundial da Saúde Mental queremos defender o dereito á saúde mental como un atributo universal e necesario.

Se hai algo que iguala á condición humana, ese é o desexo de gozar dun bo estado de saúde mental. Sen embargo, a despersonalización da sociedade e a escaseza de oportunidades propician unha realidade onde a imaxe dominante é a desigualdade.

Un primeiro paso para lograr o acceso equitativo a unha saúde mental de calidade, con Plans Individualizados de Atención, sería vencer a desigualdade económica. Para iso, chamamos aos poderes públicos ao diálogo, para que coñezan as nosas necesidades, e para reclamar que a pobreza non sexa un factor de risco á hora de cronificar un problema de saúde mental.

Outra fonte de desequilibrio obsérvase na desigualdade xeográfica e, para superala, reivindicamos unha mirada solidaria e unha inversión consecuente. Que o dereito á saúde mental non dependa do lugar de residencia.

Tamén habería que facer fronte á desigualdade de xénero e á múltiple discriminación de cara ás mulleres con problemas de saúde mental.

Avanzamos na nosa mensaxe e acordámonos da idade. Ninguén debería vivir a súa vellez no esquecemento. Por iso debemos apostar polas residencias con servizos especializados en saúde mental. En lugar de soidade, ofrecer unha experiencia positiva e enriquecedora.

Por outro lado, asistimos á irrupción de problemas de saúde mental en idades moi temperás. Ao que pedimos maior esforzo en investigación, ata conseguir, unha especialidade médica para a etapa infanto-xuvenil.

Outro foco para acadar unha sociedade inclusiva sería a sensibilización no ámbito educativo. Temos que levar o coñecemento sobre saúde mental e o afrontamento do estigma a todas as capas da sociedade, empezando dende a base, a escola.

Insistimos tamén na necesidade de empoderamento e participación, como mecanismos de crecemento persoal. Ao tempo alertamos de que, aínda hoxe, o 84% das persoas do noso colectivo non temos un proxecto de vida baseado no traballo.

Un consello que damos para o goce da saúde mental é a práctica deportiva, na certeza de que a saúde física mellora o pronóstico de recuperación.

E para rematar, queremos advertir que os problemas de saúde mental, tendo en conta o impacto da pandemia, xa non son algo que lles pasa ás demais persoas, senón que son algo que nos afecta a todas e todos: traballar pola saúde mental é traballar polo benestar da sociedade e polo noso futuro.

Dende Lenda, coa lectura deste manifesto,  sumámonos ao manifesto estatal do Comité Pro Saúde Mental En Primeira Persoa e da Rede Estatal de Mulleres, e dicímosvos:

“LOITADE POLOS VOSOS DEREITOS. A SAÚDE MENTAL É UN DEREITO NECESARIO. MAÑÁ PODES SER TI”.

Moitas grazas!

O pase de diapositivas require JavaScript.

Deixa unha resposta