Con motivo da conmemoración do Día da Saúde Mental, dende a Asociación Lenda de Saúde Mental celebramos unha nova edición do noso concurso literario de relato curto e poesía, unha iniciativa que une literatura e benestar emocional. A través das palabras, as persoas participantes déronlle voz ás súas vivencias, reflexións e emocións, amosando o valor transformador da escrita.
No marco do noso traballo no PAIEM (Programa de Atención Integral a Persoas con Enfermidade Mental) do Centro Penitenciario da Lama que conta coa financiación da Fundación Barrié, promovemos diversas terapias de rehabilitación psicosocial que favorecen a expresión, a autonomía e a recuperación persoal. Neste contexto, a escrita convértese nunha forma de liberdade interior e nun camiño para reconstruír identidade, emocións e esperanza.
Con este concurso queremos seguir ofrecendo un espazo onde as palabras abran portas e dean lugar a novos comezos.
👉 Deixámosvos a continuación o fallo do xurado da II Edición do concurso de relato curto e poesía, composto por internos do módulo 5 e profesionais da Asociación Lenda.
Na categoría de Poesía:
1º Premio: Poetarra Esquizovérsico— “Arrepondome”
Saíndo, saíndo desta illa estou
Chegando, chegando a un novo mundo vou…
Nas brancas velas da miña dorna acobillase o ar
Agora confiado e feliz penso
Nas brancas esperanzas que me van salvar
Nas miñas velas baten os ventos
Que me alonxan de aquela illa
Na que pasei os piores tempos
Xa abonda de tantos sufrimentos
Agora vou navegando paseniño
Por mares medoñentos
Por mares sen ningún camiño
Miro cara atrás
Aquel pasado queda lonxe
Vexo cara o ceo
E as estrelas guíanme hoxe
Branca noite que me gardas
Grande mastro que te agantas
Nesta dorna non sei remar
Só confío en ti
E na branca luz deste luar
Tercos temporais ancorados na miña psique
Como cantos de serea pidem
Que naquela maldita illa fique
Mais eu farto do illamento
Hoxe ceivo, navego na procura
Do meu rexurdimento
Do meu ser estou a desafiuzar
A vellos pensamentos
Que me quixeran derrotar
Repítolle ás criaturas do mar
Repítolle ás criaturas do mal
Que conmigo desta volta
Non o van lograr
No océano dos meus pensamentos
Navegando a miña dorna
Aproveito os mellores ventos
Non pensedes que non son quen
De chegar a porto ben
Nas treboadas dos meus pensamentos
Que non me agarde ninguén
Espido na miña dorna estou
Desafogado neste mar
Atravesando os polos dos meus pensamentos vou
Son firme coma un glaciar
Nas fendas dos meus sentimentos
Xa se sinte o fresco vento
Que vou apañando e ceivando
Polos confíns do meu renacemento
Se de verdade me queredes axudar
Berrando prégovos
Que me deixedes de xulgar
Saíndo, saíndo desta illa estou
Chegando, chegando a un novo mundo vou.
2º Premio: Caudillo — “Bezos Crimes”
A mín chamádesme tolo!!?
Costume convenente…
Teu borboriño a levamento,
Fusco medo sento.
Tolemia leria, miña ánima estadea
Xorna seu asmar,
Miña testa vai estoupar
Cordura de tempo caduco…
Cadavéreo testán,
Túa leria vou zorregar
Meu esprito erguer
Con Deus en paz quero estar.
Acougar do guerrilleiro
Está por chegar.
3º Premio: Yoko Ana — “Que Queremos Dicir Cando Dicimos Inferno”
O noso inferno case ningún de nos sabe cando apareceu por primeira vez,
Pero o levámolo nun sepulcro interno escrito na tez.
Aquel que non comprende o porqué e quizais por querer permanecer nun desdén.
Unha parte de nós berra alto, moi alto
pero o noso lamento non é auditado
por seres deste universo, no que somos
escravos da nosa dor convertida en pecado.
Irmáns, amigos, alzade a voz por dura que
Pareza, pois non hai tante pureza coma
Nestos corazóns agraviados pola incomprensión, pola autocompaixón.
Arriba irmáns! Cantemos todos a una voz,
pois hoxe é un novo día, un
día no que o son, é tan so noso,
pois Machado tiña razón:
“ Camiñante non hai camiño, o camiño facémolo nós!”
Categoría: Relato Curto
1º Premio: Barbeiro Errante — “Protexer a Xoán”
Xoán ten trece anos, o último día que viu o instituto trouxo á Policía Nacional. A ratos desbaratado, cariñoso, gústalle o baloncesto e, cada vez máis, as drogas. Os Servicios Sociais do Ayuntamiento derivaronno os Servicios de Menores, sempre tan saturado. Tamén pasou pola unidade de Saude Mental, pero vai pouco e non se pode facer que vaia mais. Ó instituto deixou de vir, aínda que se lle chamaba por teléfono e se intenta, pero non se ve cos outros compañeiros facendo lingua e matemáticas. Agora os seus colegas son maiores e algún xa coñece A Lama. Isto é Pontevedra, xa nos coñecemos todos, pero isto a él non lle sirve. E así estamos, tras 4 meses dende o primeiro informe onde xa se poñía que o que non se invirta en prevención acabará facéndose en cárcere. Todo un sistema traballando e demostrando que este rapaz se nos escapou polas grietas como se fora cristal e cada día se estrela contra o chan con mais consumos. Opcións? O pataleo deste texto, de outra carta ós servicios de Xustiza de Pontevedra, outra ó defensor do menor. E? Este rapaz seguirá na rúa ata que chegue a crónica dunha morte anunciada… Non hai recursos para atender a un crío o que lle tocaron malas cartas na vida. Este rapaz existe e hoxe volverá ás rúas. Chegaremos a poder protexer a este rapaz a tempo? Dúbidas e algo de esperanza como despedida destas letras…
2º Premio: Peixiño — “Unha Ráfaga de Vento”
Comezaron a saír os primeiros raios do Sol,
Ergueuse da cama, despaciño, coma unha xoaniña…
Viu unha volvoreta e abriu a ventá…
Pechou os ollos, e sentiu coma unha manta de vento frio envolveu o seu corpo, un corpo cheo de medos e incertidumes:
De súpeto a súa mente fou dispersando en pequenos montonciños de area, onde en cada un poñíanse eses medos e malos pensamentos da noite. Porqué? Pra seguir vivindo?
Que fago aquí e para que sirvo?…
Sentía coma ese aire susurrandolle as respostas ó oído, ía desfacendo cada montonciño de area, da súa mente:
-Porque eres especial…
-Sigue vivindo por ti…
-Porque a vida é máxica…
-Segues aquí para darlle un anaquiño de tí a todos os que te queren.
-para mostrarlle a o mundo que eres unha gran muller.
Abriu os ollos, e sentiu como todo o seu corpo estaba cheo de vida.
Sabela, abriu os ollos mais ca nunca, sorriu e viu como a volvoreta comezou a mover as súas pequenas alas e moi despaciño votouse a voar…

3º Premio: Theco3 — “Non Contedes Comigo”
Eran as catro da mañá, e a habitación alumeábase de novo. Tiña o móbil en silencio (coma sempre) Sen vibración e sen son, o único a iluminación.
Espertei resacosa, as benzodiacepinas deixábame a boca seca, pero polo menos durmía catro horas.
-Bos días ma.
-Bos días Belén, que tal a noite?
-Bastante ben, sen pesadelos.
-Chamoute Xan, di que non colles o móbil, chámate bastante e mandáronte unha chea de mails, están preocupados, di que xa hai días.
-Hoxe xa os chamo eu, non te preocupes.
Fun o salón e collín a michi, e acaricieina despaciño, comezou a ronronear, encantáballe as caricias e a min tamén cousa que ninguén foi capaz de facerme ronronear, nunca , e xa teño 23 anos. Os que me coñecen din que son moi guapa… eu mírome horrible ¡a quen lle vou gustar!
Admiro as arañas, tecen a súa tea e cando a presa cae nela, van raudas e veloces, incoándolle o aguillón e a durmir, as envolven ben, para máis tarde papalas fresquiñas, vivas aínda, é moi gore, pero é a natureza así. Carallo que tarde é, non chego ao choio, vestinme rápido, collín a mochila, as chaves e pro garaxe, eran as 7:17 e entro as 08:00, gústame ir con tempo, lévame 30 minutos chegar. Entrei no coche e no USB sonaban Korn, Make me bad encántame esa canción.
Dinme conta que chovía, encántame cando chove, deteño o coche na beirarrúa, abrín o portátil e en tódalas redes, puxen non meu estado en maiúsculas:
“NON CONTEDES CONMIGO”





