Con motivo do Día Mundial da Saúde Mental, Asociación Lenda Saúde Mental lanza o I Concurso de Relato Curto e Poesía Xuvenil, dirixido exclusivamente ao alumnado dos centros de educación secundaria do Concello de Redondela.
O obxectivo deste certame é dar voz ás experiencias, reflexións ou pensamentos das persoas máis novas sobre saúde mental, promovendo a superación do estigma, a prevención do suicidio e a integración de hábitos de coidado emocional. Queremos xerar espazos de reflexión, expresión e creatividade literaria, onde compartir sentimentos, vivencias, empatía, esperanza, amizade e superación persoal.
Por que facemos este concurso?
Falar de saúde mental segue sendo necesario para combater prexuízos, silencios e estigmas. Apostamos por abrir espazos seguros para a escritura e a palabra, dende a mocidade, como ferramenta de cambio social e construción comunitaria.
Bases principais:
- Participación exclusiva para alumnado de educación secundaria do Concello de Redondela.
- Obras: relato curto ou poesía inédita, en galego, máximo 300 palabras (sen contar título) e vinculadas á temática da saúde mental.
- Unha obra por participante.
- Prazo de recepción: do 10 de outubro ao 30 de novembro de 2025.
Forma de envío:
Enviar o texto por correo electrónico a lendaconcursoliterario@gmail.com indicando nome e apelidos, pseudónimo, teléfono de contacto, curso académico, centro educativo e documento de autorización para publicar o texto se resulta seleccionado.
Premios e publicación:
O xurado estará composto por persoas usuarias da Asociación Lenda Saúde Mental. O fallo comunicarase o 10 de decembro de 2025. Os premios inclúen vales de compra no comercio local La Revancha e produtos do Centro Ocupacional Lenda. As obras premiadas poderán ser publicadas na web da asociación baixo pseudónimo.
Animámosvos a participar para avanzar na educación emocional e creatividade dende as aulas. Para dúbidas, contactade connosco a través do enderezo lendaconcursoliterario@gmail.com!

