I Concurso de Relato Curto e Poesía. Programa PAIEM

Como cada 10 de outubro, Día Mundial da Saúde Mental, dende Lenda levamos a cabo unha serie de accións en diferentes ámbitos para dar visibilidade á saúde mental. Este ano, dende o Programa PAIEM que levamos a cabo no Centro Penal de A Lama e que conta coa financiación da Fundación Barrié, inauguramos o Primeiro Concurso de Relato Curto e Poesía co título “Venzamos a enfermidade mental e o suicidio a través da palabra escrita”. Nesta primeira edición participaron máis de vinte persoas internas no centro penal.
Como queda reflexado nas bases do concurso, os traballos gañadores publicaranse na nosa web e no seguinte número da revista A Voz de Lenda, dando voz á poesía e narrativa sobre saúde mental, liberando as palabras do outro lado do muro.

A continuación, os primeiros premios de poesía e de relato curto e deseguido un enlace ao resto dos traballos.

1º PREMIO POESIA

Por Knox

Abres de novo os ollos, só bágoas salgadas

Pódese encher un mar de tantas brutadas.

Hai días soleados, xardíns, flores, bolboretas

Revoloteando pola mente, ves de outra forma as cousas.

Hai bosques moi escuros, repletos de maleza

no ceo raios, tronos que atormentan a cabeza.

A chave do noso corazón no fondo dun río

A veces resulta moi difícil encher este baleiro

Pero nada está perdido.

O borde dun precipicio sen nada que perder

Pero escoitamos unha voz para ver outro amencer, outro atardecer e outro anoitecer.

A vida é un tesouro que nos fai retroceder

Hai moito por vivir, vernos envellecer.

Ilusións, soños cumpridos merecen a pena

Hai lume, hai paixón dentro das nosas veas,

Xa non hai fugas nin veleno dentro de estas

Pero déixanos a pel como un gladiador nas áreas

Loita diaria contra leóns, tigres, lobos, hienas

Non importan etiquetas que o aire e choivas nos susurren,

Somos xordos con paraugas, raios de sol que nos cobren.

Ante voces sen fondo artístico,

Escoitamos o son interior místico.

A soas con Deus nas noites cálidas, brotan oración voando o ceo.

Como bolboretas dás crisálidas, bandas sonoras das nosas vidas.

Compostas de tristezas pero tamén de alegrías

Cancións, cantos celestiais reflexadas nun espello, onde hai rosas, rosais e pétalos vermellos, hai espiñas e tamén auga e mananciais.

Nada no océano máis puro que tes no interior

Volve de novo brotar como fai unha flor,

Rodéate das mellores aromas que hai o teu arredor.

Pensa nas almas queridas ,

lambe túas propias feridas.

Tan só quedan cicatrices daquelas noites frías.

Só valora aos que están, tamén aos que se foron.

Son túa vida, túa esencia, tan so hai que ter paciencia.

A vida é fermosa para namorarse dela, e no teu barco con vela,

Pon xa rumbo cara esa estrela.

1º PREMIO DE RELATO.

Por Centinela 

MOMENTOS ESCUROS

A vida está chea de sentimentos, un longo tempo da miña vida rebosou de tristeza e soidade, ata que me sentín aínda peor, tiña ganas de morrer porque vivía no corpo dunha persoa que odiaba.

Por máis que me miraba xamais estaba ben, aínda que houbera perdido xa 30 kilos sempre me vía gorda.

O longo da miña vida soportei as burlas da miña nai por ser gorda tendo que escoitar cousas como que lle daba vergoña ir comigo pola rúa.

Esas cousas fixeron que con quince anos enfermara, os rapaces que antes facíanme burlas agora viñan a tirarme os trastos, cousas que me facían sentir asco e desprezo.

Volvinme antisocial, custábame relacionarme coa xente. Cando camiñaba polas beirarrúas a miña mirada estaba fixa nos cristais e nos portais nos que puidese mirarme e sacarme defectos.

Din que suicidarse é de covarde, eu por como o sentín soamente o facía por deixar de sufrir. Pero non foi o meu momento. Por iso agora podo compartir a miña experiencia e recomendar pedir axuda, nunca fecharse aos meus pensamentos.

Porque cando compartes abres unha fiestra e entra un raio de luz.

Deixamos o enlace ao resto de traballos premiados: 2º POESÍA 3º POESÍA 2º RELATO 3º RELATO

Deixa unha resposta