O próximo 10 de outubro é o Día Mundial da Saúde Mental, o tema elixido a nivel mundial para este ano 2018 é a saúde mental e mocidade. Dende a Federación de asociacións de familiares e persoas con problemas de saúde mental de Galicia, estase a desenvolver unha campaña “Educación inclusiva, Saúde mental positiva. Mocidade saudable”.
Segundo a OMS, unha de cada catro persoas terá un problema de saúde mental ao longo da súa vida. Moitos problemas de saúde mental aparecen ao final da infancia ou ao comezo da adolescencia. Segundo os estudos máis recentes, os problemas de saúde mental, en particular a depresión, constitúen a principal causa de morbilidade nos adolescentes. Polo tanto, estamos a falar dunha problemática cunha amplísima repercusión, que afecta e condiciona a vida destas persoas en todos os seus ámbitos: nas aulas, no traballo, nas relacións personais, na participación social, etc.
Para facer fronte a esta situación, é fundamental actuar a través da información, a educación e a sensibilización durante a adolescencia. A promoción da saúde neste segmento da poboación require unha estreita colaboración entre os centros educativos, os servizos sanitarios e sociais, as familias e a poboación en xeral. Polo tanto, todos xogamos un papel na prevención e abordaxe dos problemas de saúde.
Dende a Asociación Lenda Saúde Mental participamos activamente nesta campaña e, queremos informar e sensibilizar sobre esta realidade. Aínda que as actividades que imos desenovolver en Redondela están pensadas para traballar nos institutos, faremos por achegarvos e facervos partícipes da información, recursos e actividades que levaremos a cabo.