E seguimos co reto… #FALEMOS DO SUICIDIO

Polo Día Mundial da Saúde Mental non saímos á rúa para informar ou para sensibilizar, nesta ocasión saímos ás redes. E usando novamente este medio, gustaríanos facer unha breve exposición do que traballamos en Lenda en torno ao suicidio.

Somos conscientes de que a nosa sociedade precisa unha cultura da saúde mental, e que en torno ao suicidio temos que falar de prevención.

Dámoslle importancia a que os medios de comunicación cubran de maneira responsable e respectuosa este tema.

Somos conscientes do pouco que se fala do tema e da pouca información e formación que temos sobre o suicidio. Por iso, gustaríanos que dende os servizos médicos, sociais e asistenciais se tratara este tema, a través de debates, charlas informativas, campañas educativas e preventivas nos centros escolares, campañas preventivas nos medios de comunicación, etc.

Cousa de tod@s

Parécenos fundamental dar a coñecer os recursos de saúde mental do noso entorno, porque, como dicía un lema de fai uns anos “A Saúde Mental vai con todos e con todas”, non é algo que solo afecte a uns poucos ou unhas poucas e saber onde nos poden atender cando teñamos un brote, asesorarnos  sobre o que debemos ou non debemos facer ou orientarnos cando perdemos a nosa ruta en moitas ocasións é crucial para coidar a nosa saúde mental.

Algo que nos preocupa é que ninguén nos ensinou a utilizar os nosos propios recursos persoais para resolver os nosos conflitos, nin nos ensinaron a traballar no autocoidado, nin a ter un pensamento crítico. É aí onde podemos comezar a traballar a prevención.

Precisamos máis terapia de grupo, máis terapia de café, máis terapia de rúa, máis terapia de familia, máis terapia da fala, máis terapia da amizade, máis terapia da vida.

Que a prensa cubra os eventos sobre saúde mental, que se distribúan carteis informativos, que se realicen campañas enfocadas a levar uns hábitos de vida saudables, que melloren os servizos de psiquiatría, que os prazos entre citas sexan máis curtos, que a medicación non sexa a única alternativa, que aumenten os recursos sociais, que exista unha política centrada no benestar e non no consumo… Todo isto e moito máis previría o suicidio

O suicidio é a primeira causa de morte non natural neste país. Todas e todos temos que asumir a nosa parte de responsabilidade, e abordar este tema sen que sexa unha “vergonza” ou un “tabú”.

Asinado: a Comunidade de Lenda

Deixa unha resposta