Dieta, saúde mental e estado de ánimo

A alimentación inflúe directamente na saúde física e mental. Ademais de adquirir os nutrientes para o correcto funcionamento e desenvolvemento do cerebro existen moitas consecuencias e correlacións entre a comida, as emocións e o comportamento.
A ausencia de determinados nutrientes ou unha alimentación deficitaria, pode estar asociada ao desenvolvemento de certas doenzas mentais. Está probado que persoas con depresión presentan un certo grao de inflamación e que persoas con algún tipo de enfermidade mental preséntase a carencia de certos nutrientes.
Desde hai un tempo estase a estudar e a establecer intervencións sobre a enfermidade mental tamén desde unha perspectiva nutricional. Deste xeito, levar unha dieta equilibrada e evitar as dietas proinflamatoria axuda na prevención da depresión. Pola contra, as dietas hipercalóricas pero pobres en nutrientes, baseadas en produtos ultraprocesados e comida rápida, poderían empeorar os síntomas da depresión.

Prevención a través dos alimentos

Froitas, verduras, legumes, sementes, cereais completos, froitos secos, peixes e mariscos, graxas de calidade e auga ou bebidas sen azucres engadidos, fan un labor de protección de doenzas cardiovasculares, cancro e outras patoloxías, mantendo nun estado óptimo as nosas neuronas.
As persoas que levan unha dieta saudable (como a dieta mediterránea) teñen un risco de depresión até un 35% máis baixo.
Por outra banda, o consumo de ácidos graxos trans, a comida rápida, as dietas moi restritivas ou produtos coma a bolaría industrial están asociadas a un maior risco de enfermidades mentais ou baixos estados de ánimo. A mala hidratación, o consumo de alcol, cafeína e o hábito de fumar poden favorecer os síntomas da ansiedade. Do mesmo xeito, longos períodos de xexún poden simular síntomas de depresión. Algúns estudos suxiren que persoas con algún tipo de doenza mental presentan a carencia de certos nutrientes
Aínda así é recomendable salientar que mellorar a dieta por si só non vai curar os trastornos mentais. Con todo, mellorar a educación nos hábitos da alimentación é fundamental para mellorar a saúde mental e o noso estado de ánimo.

Deixa unha resposta