DÍA MUNDIAL DA SAÚDE MENTAL 2023

Benvidas e benvidos ao Día Mundial da Saúde Mental.

Neste día, queremos poñer de manifesto que a saúde mental é un dereito inherente á condición humana, e que o seu gozo non entende de barreiras nin de fronteiras.

Unha sociedade con dereitos é unha sociedade evolucionada.

Con todo, o que podería ser unha evolución natural cara ao benestar, convértese nun proceso de deshumanización por causa dos conflitos bélicos, a pobreza estrutural e a falta de oportunidades.

Correspóndenos a todas as persoas lembrar que o dereito á saúde mental é a expresión dunha vontade socialmente aceptada, pero que só será efectivo se os poderes públicos provén os recursos necesarios. Dito doutra maneira: a falta de investimento en saúde mental favorece a vulneración de dereitos.

En principio, o dereito á saúde mental ten dúas lecturas diferenciadas:

Por unha banda, o dereito ao benestar e á participación nunha sociedade respectuosa coa saúde mental; que ofreza confianza no canto de discriminación, comprensión no canto de exclusión, e paz no canto de miseria.

Doutra banda, e tendo en conta que se experimentou un problema de saúde mental, o dereito a un modelo rehabilitador universal, que profunde no potencial das persoas e na súa proxección social, de tal maneira que a desilusión se converta en esperanza.

Ante isto, temos que estar vixiantes, porque non basta coa formulación e aceptación dos nosos dereitos: buscamos a súa realización. E para iso, o único signo posible é a loita continua e a visibilidade da nosa aspiración: un proxecto de vida emancipador.

Temos as mans cansas de esperar.

A universalidade e conquista dos dereitos poden empezar desde o vínculo máis próximo, desde a forma de entender as relacións humanas; ata o barrio, o pobo, a cidade, e por fin, as nacións.

Neste punto, a saúde mental deixará de ser un xesto para converterse nunha conduta, nunha Política de Estado.

Así, da man da Convención da ONU sobre os dereitos das persoas con discapacidade, pedímoslle ao Estado:

•       Traballar pola toma de conciencia e o entendemento dos problemas asociados á saúde mental. O estigma segue dificultando a práctica dos nosos dereitos.

•       Procurar un futuro habitable para os nenos e nenas, para que se desenvolvan nunha contorna de benestar emocional.

•       Garantir a liberdade e seguridade das persoas, así como a súa protección ante tratos degradantes. Entramos nun novo tempo para a saúde mental, e as medidas coercitivas deben deixar paso a espazos de recuperación compatibles coa dignidade humana.

Ademais, as nosas reivindicacións polo dereito á vida seguen tendo plena actualidade, e apostamos por que leven a cabo campañas de sensibilización e prevención do suicidio no ámbito escolar, universitario e na esfera laboral. Trátase de abrir canles de comunicación e de confianza, xa que ao compartir os sentimentos nacerán novas formas de ver a vida.

O coidado da saúde mental debe ter un enfoque global, onde todas as persoas sexamos partícipes, ou pola contra moita da enerxía investida perderase.

Ao final, todo o que se faga en favor do dereito á saúde mental terá un retorno real, pois unha sociedade con saúde mental é unha sociedade con benestar, e nunha sociedade con benestar o ser humano alcanza o seu sentido.

Saúde Mental, Saúde Mundial. Un Dereito Universal.

Viva a Saúde Mental!!!

Viva Lenda!!!!

Deixa unha resposta