Nas últimas semanas, a través do Programa Pontes de Inclusión (financiado pola Consellería de Política Social e Igualdade da Xunta de Galicia a través das liñas de financiación de IRPF) estivemos traballando no “Documento de Posicionamento de Desinstitucionalización e Autonomía de Persoal de EAPN Galicia”, xunto con outras entidades do Terceiro Sector. Compartimos un pequeno resumo.
O documento é unha ferramenta de incidencia política, unha folla de ruta construída desde a experiencia directa das entidades sociais que traballan no territorio. O seu obxectivo é empurrar ás administracións a abandonar un modelo que institucionaliza, empobrece e exclúe e apostar decididamente por un sistema de apoios que permita a cada persoa desenvolver o seu propio proxecto de vida na comunidade.
Pero, que é a desinstitucionalización?
A desinstitucionalización é un proceso de cambio social, político e cultural para transitar dende as institucións cara a apoios na comunidade, respectando os dereitos humanos, as eleccións e preferencias das persoas, e promovendo a súa inclusión social.
En Galicia, o modelo de apoio e coidados para as persoas en situación de dependencia, vulnerabilidade ou exclusión leva décadas ancorado nun enfoque asistencialista, institucional e, en demasiadas ocasións, familiar non profesionalizado. Así o denuncia o documento, que reúne as voces e aprendizaxes de decenas de entidades sociais do Terceiro Sector.
O texto non se limita a cuestionar o vello modelo senón que propón nove principios comúns que deberían rexer calquera política de desinstitucionalización: enfoque centrado na persoa, enfoque de dereitos, perspectiva comunitaria, gobernanza participativa, traballo en rede, compromiso real das administracións, cobertura territorial equitativa (con especial atención ao rural), atención ás persoas en maior situación de vulnerabilidade e prevención primaria. É dicir, garantir apoios suficientes na comunidade para que ninguén teña que ingresar nunha institución por falta de alternativas.
Quince propostas para construír alternativas
O documento remata cun bloque de propostas dirixidas ás administracións públicas. A primeira e máis estratéxica é a elaboración dunha estratexia galega de desinstitucionalización, dotada de financiamento estable e cun cronograma claro. A partir de aí, as propostas despréganse en varias liñas:
- Vivenda: fomentar un parque público de vivenda social accesible, promover modelos de vivenda inclusiva e impulsar vivendas de transición para a vida independente, en colaboración cos concellos e o tecido asociativo.
- Servizos de proximidade: despregar servizos comunitarios integrados (cultura, deporte, participación) e garantir servizos sociosanitarios de proximidade, especialmente no rural galego.
- Emprego e apoio persoal: fomentar o emprego digno e inclusivo, e fortalecer a figura da asistencia persoal como ferramenta clave para a vida independente, eliminando as incompatibilidades entre prestacións.
- Cambio cultural e formación: promover accións para desmontar prexuízos na sociedade, medios e ámbito político; impulsar a formación dos equipos profesionais cara a unha cultura de acompañamento; e traballar tamén coas familias coidadoras para previr a sobreprotección.
- Tecnoloxía e produtos de apoio: aplicar a innovación tecnolóxica ao benestar (sen renunciar á privacidade) e crear un banco de préstamo de produtos de apoio para que as persoas poidan probar antes de mercar.
