Conecta coa vida

Conecta coa vida
Un programa de promoción da Saúde Mental

O suicidio é a principal causa de morte non natural a nivel global, especialmente nos colectivos sensibles e adolescentes. Galiza rexistrou 328 suicidios en 2022. Segundo os datos achegados polo Ministerio de Sanidade, procedentes da Estatística de defuncións segundo a causa de morte elaborada polo Instituto Nacional de Estatística (INE) para 2022, nesa anualidade contabilizáronse 236 suicidios de homes e 92 de mulleres, o que supón que 2,8 de cada 10 persoas que se quitan a vida son mulleres, cifra que está preto do 2,6 da media do Estado. No 2020 o número de suicidios en España alcanzou o máximo histórico dende que se teñen datos. Por isto a prevención debe entenderse dende o marco temporal e histórico do COVID-19 xa que existe un aumento da conducta suicida (ideación e intención) (Pérez-Sola et al., 2021; Thompson et al., 2021).

O suicidio é multicausal e complexo. Nalgún momento da vida calquera persoa pode sentirse tan desbordada, atafegada e desesperanzada que lle leve a plantexarse una solución tráxica. Se desaparece o que provoca o sufrimento que fai que alguén non poida ou non queira seguir vivindo así, ou ben se desenvolven estratexias para afrontalo doutra maneira, probablemente os seus pensamentos suicidas se reduzan ou desaparezan tamén. Na maioría de casos de suicidio, antes de que a persoa realice unha tentativa (teña como consecuencia a morte ou non), evidéncianse unha serie de síntomas e signos que posibilitan a detección do risco e isto tradúcese en que é posible previr a conducta suicida.  

Tendo en conta estes datos, a nosa Asociación como entidade membro de FEAFES Galicia impulsa o programa Conecta coa Vida. O obxectivo xeral do programa é realizar accións de sensibilización, prevención, detección precoz, coordinación e intervención dende unha perspectiva integral para previr e atender a conduta suicida, así como realizar accións de postvención en superviventes.

O programa contará con diferentes fases, comezando cunha prevención primaria na que se desenvolveran accións de sensibilización en diferentes contextos: educativos, sanitarios, sociais, etc., por medio de charlas/talleres acompañados de accións de coordinación, seguimento e intervención específica. Continuando por unha prevención secundaria para detectar o risco suicida. Nesta fase ofrecese asesoramento, apoio e acompañamento a aquelas persoas (familias, amizades, educadoras/es…) que detecten risco de conducta suicida nalgunha persoa da súa contorna, de cara a avaliar os riscos para poder dirixir adecuadamente a intervención así como  acompañamento e primeiros auxilios psicolóxicos ás persoas en situación de risco de suicidio ou con intento, asegurándonos que non teñan acceso aos medios letais. Pasando por unha prevención terciaria para o manexo da conducta suicida. Nesta fase crearase unha intervención específica e multidisciplinar eficaz que guíe e axude ás persoas con ideación suicida a buscar alternativas, para evitalo e sobre todo para aliviar a dor e a desesperación, á que están sometidas. Contando tamén cunha fase de posvención ou elaboración do proceso de duelo. Neste punto, serán consideradas actuacións tanto de intervención de atención individual coas persoas achegadas, como as actuacións daquelas entidades que estean traballando actualmente con grupos de axuda mutua (GAM), grupos de apoio ao dó para familias e amizades íntimas das persoas que faleceron por suicidio, co obxectivo de reducir o malestar psicolóxico.

Se crees que ti ou alguén que coñezas pode estar en risco de suicidio, contáctanos. Podemos axudarte.

 

Enlace a vídeo conecta coa Vida:

https://www.youtube.com/watch?v=ZoVtf8F3ttM

 

 

 

 

Deixa unha resposta