A fenda dixital constitúe unha problemática de aceso que fai necesaria a alfabetización en tecnoloxías de información e comunicación (TICs). Na actualidade existe unha desvantaxe de acceso e uso en diferentes colectivos sociais, profundando na situación de desigualdade.
No contexto da emerxencia sociosanitaria por pandemia no 2020 e co aumento da atención telemática a pacientes de saúde mental, quedou patente unha realidade xa coñecida pero que agora se convertía en problemática: a falta de recursos tecnolóxicos por parte das e dos pacientes da Asociación e a cero-dixitalización que lles priva do seu uso. Tamén cabe destacar que esta cero-dixitalización afecta de forma significativa ás mulleres, creando unha fenda dixital de xénero. As mulleres teñen unha dificultade engadida de aceso e utilización de medios dixitais. Isto que xa resultaba ser un problema en canto á empregabilidade deste colectivo, xa que as competencias dixitais básicas son un requisito no eido laboral; agora, ademais, resulta ser unha dificultade engadida ao fomentarse a atención por medios telemáticos.
Algúns estudios describen que as persoas con enfermidade mental viven unha exclusión xeneralizada e sistematizada da sociedade en relación a súa integración comunitaria, laboral e socioeconómica (Baumann, 2007; Richter y Hofmann, 2019), sendo as TICs ferramentas importantes para favorecer maior independencia, mellorar o benestar e integración social (Kaye, 2000), e optimizar o seu poder individual para actuar e promover a participación cidadá con igualdade (Bárcena et al. 2010). Coa capacitación adecuada, as TICs poden ser factibles de ser utilizadas independentemente da idade, diagnostico ou experiencia previa en informática ou tecnoloxía (Moussa et al. 2017).
As tecnoloxías da información e comunicación, tales como internet e teléfonos intelixentes, ordenadores, desempeñan un papel importante no tratamento e xestión dos problemas de saúde mental, así como para facilitar o acceso ao servizos de saúde mental (De Silva, 2018).
Con este mapa da realidade, neste mes de novembro comezamos a colaborar coa Fundación Atenea no proxecto: E-Impulsarnos. O obxectivo deste proxecto é reducir a fenda dixital de xénero que sofren as mulleres usuarias de entidades do terceiro sector. Atendendo a isto, todos os mércores ata finais de decembro, nas instalacións que nos cede a Asociación de empresarios e empresarias de Redondela estaremos traballando na alfabetización dixital.
Apoiándonos nesta iniciativa, mantemos coma obxectivo a conseguir durante o 2024 acadar a alfabetización dixital de todas as persoas participantes da Asociación Lenda.