Chámome Andrea e son unha moza de 24 anos que, tras finalizar os meus estudos en Traballo Social, me enfrontei ao desafío da inserción laboral sabendo que atopar oportunidades neste sector e sen unha experiencia previa non sería sinxelo. Foi entón cando descubrín o programa Xuventude Mentoring, unha iniciativa da Xunta de Galicia deseñada para acompañar a mozos na súa transición ao emprego nun período de 3-4 meses a través da Asociación de Empresari@s de Redondela. Hoxe quero compartir a miña experiencia neste programa e como foi clave para o meu desenvolvemento profesional no ámbito da saúde mental dentro da Asociación Saúde Mental Lenda, en Redondela.

Dende o inicio contei co apoio dunha profesional con experiencia no ámbito psico-social, así como o resto do equipo de profesionais que a compoñen, en especial, dada a miña formación, a traballadora social da entidade. Ademais, coa formación complementaria do programa impartida polo tutor Joaquín Gonzáliz Franco, puiden xerar novas habilidades e coñecementos como a ferramenta da IA (Intelixencia Artifical) así como reflexionar sobre futuros obxectivos e metas no meu proceso de procura de emprego unha vez termine o programa.
Unha das maiores oportunidades que me brindou este programa foi coñecer un ámbito de traballo onde desenvolver a miña profesión. En todo momento sentinme cómoda e arroupada por parte dun equipo definido por un compromiso coa mellora da calidade de vida das persoas con problemas de saúde mental, xerándome unha afinidade, ganas e ilusión por descubrir todo aquilo que aprendería e me achegarían durante este período.
Como traballadora social en formación, puiden visualizar directamente a importancia da intervención social, o fortalecemento de redes de apoio, o acompañamento seguido dun trato próximo, comunicación, coordinación e inserción laboral. Ademais de afrontar novos retos, enriquecéndome profesional e persoalmente, fortalecendo o meu compromiso e interese coa saúde mental.
Na miña opinión, a Asociación Lenda Saúde Mental e o seu equipo realizan un traballo fundamental proporcionando apoio integral, promovendo a súa autonomía e benestar, colaborando con outras entidades e recursos comunitarios da contorna tamén dando resposta o máis sólida e efectiva posible ás necesidades de persoas con trastorno mental dende o trato humano, de familia…
Desfruteino día a día, e acudindo a cada unha das terapias, obtiven unha visión máis obxectiva e real da entidade. O exercicio que desempeñan, como o levan á práctica e o trato directo coas persoas usuarias. Esta presenza nas diferentes terapias, fixo que ampliase os meus coñecementos acerca da intervención directa que se exerce no ámbito do Tercer Sector na vida das persoas.
Foi todo un reto acompañar ás profesionais encargadas do desenvolvemento do Programa Conecta coa Vida na súa loita pola prevención da conduta suicida e sensibilización en saúde mental dirixido a equipos directivos, alumnado e familias.
Agradecida pola oportunidade de formar parte del, animo a quen busca unha oportunidade no ámbito laboral a participar nun programa de formación integral como o Xuventude Mentoring.

