ANÁLISE DOS RESULTADOS

En primeiro lugar queremos agradecer ás case 200 persoas que nos agasallaron eses 5 minutos do seu tempo para poder responder ás preguntas  da  nosa enquisa. Esta semana tocou analizar as respostas e aquí están os resultados.

  • Un 87% das persoas que responderon pensan que a sociedade non é o suficientemente respectuosa e comprensiva coas persoas que teñen enfermidade mental e os seus familiares, fronte a un 13% que pensa o contrario.

O estigma en saúde mental está aí, a desinformación sobre as enfermidades mentais e a mala prensa nos medios de comunicación fai que xurda medo, desconfianza e rexeitamento das persoas que padecen estas patoloxías.

  • Un 90% pensa que a sociedade non ten acceso  a suficiente información sobre saúde mental.

O 10% que si o pensa, coméntanos que podemos acceder a esa información en internet, na biblioteca, nas redes sociais, páxinas web de saúde mental, asociacións de familiares persoas con diagnóstico de saúde mental, a través de persoal sanitario especializado e cualificado como profesionais da medicina en atención primaria, da enfermería, da psicoloxía, da psiquiatría, etc.

Rercursos de saúde mental

Nós pensamos que falta investimento en saúde mental, que faltan campañas de sensibilización nos centro de atención primaria, por exemplo, na radio, tv e outros medios. A saúde mental ten que deixar de estar en terceira división e pasar á primeira. Sabiades que en Europa entre un 35% e un 45% do absentismo laboral é debido a problemas de saúde mental?

  • Un 95% considera que os recursos en saúde mental no noso entorno, comarca ou área sanitaria non son suficientes, fronte a un 5% que considera que si.

Os recursos destinados á saúde mental que coñecen as persoas que realizaron a enquisa foron, por suposto, os recursos da nosa Asociación, como de outras similares da rede de saúde mental de FEAFES Galicia, unidades de psiquiatría de hospitais (unidades de agudos), residencias, unidades e centros de saúde mental, unidades residenciais de rehabilitación, atención psicolóxica publica a e privada, programas de inserción laboral, hospitais psiquiátricos, centros de día, centros ocupacionais, programas de apoio a familiares, programas de atención a domicilio, unidades de seguimento extrahospitalario, pisos tutelados, programas de atención en saúde mental no centro penal ou centros de atención primaria.

Pero son suficientes estes recursos? Precisamos recursos máis específicos, precisamos máis prazas, precisamos accesibilidade, precisamos máis persoal cualificado para o traballo coas persoas con enfermidade mental, necesitamos que o acceso o traballo non sexa unha utopia…

  • O 88% das persoas enquisadas pensan que a violencia é unha característica persoal de calquera individuo, fronte a un 12% que pensan que é unha característica das persoas con enfermidade mental.

Violencia

Somos conscientes que a pregunta que daba lugar a esta resposta estaba condicionada, xa que a asociación da violencia e a saúde mental é un tema controvertido e con moi mala prensa.

Queremos berrar ben forte que as persoas con problemas de saúde mental NON SOMOS VIOLENTAS!

  • O 55% das persoas pensaron que a enfermidade mental non limita as capacidades cognitivas, intelectuais ou motoras das persoas que a padecen, fronte a un 45% que si o pensaron.

Este resultado pareceunos curioso e incluso chegamos a pensar que as persoas que fixeron a enquisa quixeron ser prudentes ao dar esta resposta.

As persoas con diagnóstico de enfermidade mental podemos ser moi intelixentes, moi creativas, moi ocorrentes… Pero en moitas ocasións, non queremos arriscar a dicir que en todas, a propia enfermidade limítanos, tanto a nivel cognitivo (problemas na percepción, na memoria, no razoamento, na orientación no espazo e no tempo, na planificación do noso día a día, etc.) incluso podendo afectar ao noso rendemento intelectual, ou ás nosas capacidades motoras, por exemplo co enlentecemento dos movementos. As enfermidade mentais, como algunha persoa respondeu, “poden limitar para o desempeño laboral e de autosuficiencia na vida doméstica

  • Pero cando preguntamos polos efectos da medicación, o 82% pensan que o tratamento farmacolóxico pode afectar ás capacidades cognitivas, intelectuais ou motoras dunha persoa con enfermidade mental, fronte a un 18% que pensa o contrario.

O modelo médico e farmacolóxico que se utiliza para o tratamento da enfermidade mental ten efectos secundarios, que en moitas ocasións limitan as capacidades das persoas (enlentecemento motor e cognitivo, rixidez, perda de memoria, sedación, tremores, etc.) dos  que ás veces somos moi conscientes dende un primeiro momento e outros que aparecen cun tratamento moi prolongado. Buscar un equilibrio entre a redución dos síntomas da enfermidade e os efectos secundarios da medicación é un obxectivo no que se traballa día a día.

  • O 93% das persoas enquisadas pensa que a percepción da realidade pode verse modificada cando temos unha enfermidade mental, mentres que un 7% pensa o contrario.

O certo é que en certas enfermidades como a esquizofrenia aparecen síntomas de tipo psicótico como as alucinacións e os delirios que fan que a persoa “desconecte” coa realidade.

  • E por último, e non menos importante, o 75% das persoas enquisadas descoñecen o que é a patoloxía dual, fronte a un 25% que si sabe o que é.

Pero sobre este tema, pensamos que temos que facer outro post. Adiantámosvos que a patoloxía dual é a comorbilidade entre un trastorno mental e un problema de adicción.

 

Deixa unha resposta