Adaptar os espazos para todos e todas: a importancia da accesibilidade cognitiva

En Lenda, traballamos cada día para que as nosas actividades, obradoiros e espazos sexan accesibles e comprensibles para tódalas persoas, independentemente das súas capacidades cognitivas ou comunicativas. Unha contorna adaptada non só facilita a autonomía, senón que tamén transmite unha mensaxe clara: aquí todas e todos somos benvidas/os.

 

Por que son importantes os pictogramas?

Os pictogramas son representacións visuais sinxelas que transmiten unha mensaxe de forma clara e universal. Axudan a:

  • Orientarse no espazo: saber que hai en cada sala ou zona do edificio.
  • Entender normas e rutinas: recordar que se pode facer ou non nun espazo concreto.
  • Favorecer a autonomía: permitir que unha persoa non dependa constantemente da axuda verbal doutra.
  • Reducir a ansiedade: ao ter referencias visuais, as transición e cambios de actividade son máis predicibles.

Son especialmente útiles para persoas con dificultades de comprensión lectora, problemas de memoria, trastornos do espectro autista ou calquera tipo de deterioro cognitivo. Pero tamén benefician a calquera usuaria/o, visitante ou persoa nova que se achega á asociación.

 

Así adaptamos os nosos centros.

Na asociación Lenda de Saúde Mental, levamos a acabo un traballo de sinalización con pictogramas nos nosos dous centros para que a orientación sexa máis sinxela e amable.

  • Na entrada: colocamos pictogramas que indican o tipo de centro e as zonas común, para que dende o primeiro momento sexa fácil ubicarse.
  • En cada sala: obradoiros, despachos, aseos e outros espazos contan con pictogramas que representan o seu uso, acompañados do seu nome.

Para adecuarnos ás necesidades dos usuarios da asociación, fixemos a adaptación con pictogramas da páxina web de ARASAAC e usando as normas do Sistema Pictográfico de Comunicación, para que en cada pictograma estea representado o seu grupo gramatical.

Unha contorna máis accesible é unha contorna máis inclusiva.

A sinalización con pictogramas non é só unha ferramenta práctica: é un paso máis cara á inclusión real. Adaptar os nosos espazos significa recoñecer a diversidade de quen os habitan e porñer as cousas un pouco máis sinxelas a tódalas persoas.

En Lenda seguiremos traballando para que cada recuncho dos nosos centros sexa comprensible, seguro e acolledor, porque cremos que a accesibilidade é a base da participación e a igualdade.

Deixa unha resposta