A incorporación a unha vida normalizada… en primeira persoa

A INCORPORACIÓN A UNHA VIDA NORMALIZADA… EN PRIMEIRA PERSOA

PROGRAMA INCORPORA SAÚDE MENTAL

A  volta á liberdade entraña diversas dificultades que puxemos en común cun grupo de usuarios que estiveron no Programa PAIEM co que colaboramos no Centro Penal de A Lama. Agora mesmo forman parte do programa Incorpora Saúde Mental, subvencionado a través da convocatoria de subvencións da Xunta de Galicia con cargo á asignación tributaria  do 0,7% do IRPF.

Cada un expuxo os seus proxectos actuais, que forman parte do seu proxecto de vida persoal e que pouco a pouco os van orientando de cara a continuar coa súa liberdade e levar unha vida normalizada.

Das dificultades…

Ser estranxeiro e estar en prisión é complexo, pero esa complexidade aumenta cando un “non ten papeis”. Ese é o caso de algunhas persoas que están no programa.

Engadido a un problema de saúde mental, de traballar de cara ao autocoidado, de intentar superar un problema de adicción, de recuperar o contacto coa familia, etc., está o feito de ser estranxeiro, non poder acceder a unha vivenda, a un traballo, a unha documentación, a un empadroamento,  a asistencia sanitaria, etc. Navegar nos mares da administración e a burocracia, dos xulgados, dos concellos, dos centros de saúde e das entidades que coordinan moitos recursos non é fácil.

A este tipo de situacións engadimos unha parte emocional moi importante: a recuperación da familia, cando aínda quedan lazos por reforzar. A familia forma parte importante do proceso de recuperación en saúde mental. Cando unha persoa pasa por prisión, a relación en moitas ocasións deteriórase. Mestúranse sentimentos de culpabilidade, de cariño, reproches, medos, incerteza, esperanza, desconfianza, etc. que moitas veces son difíciles de identificar e de xestionar.

Atopar un lugar estable onde vivir e a convivencia coa familia, con compañeiros de piso ou con familiares que agora requiren dos nosos coidados é algo que preocupa e que recoñecen que se debe traballar diariamente.

Poñer en práctica as aprendizaxes levadas a cabo nas terapias: psicoeducación, control de impulsos, habilidades sociais, autonomía, comunicación, relaxación. A teoría quedou nas aulas, pero a vida en liberdade ponnos a proba coa práctica.

E cando menos o esperamos aparecen os problemas médicos que xorden coa idade, coa falta de autocoidado durante moito tempo, a mala alimentación, a vida sedentaria ou derivados do consumo de drogas.

Dos proxectos…

  • Superar os nosos desacertos, pensar que un erro que cometemos non son cincuenta pasos para atrás, senón unha parada para reflexionar e coller impulso para seguir.
  • Aprender a “comezar de 0”.
  • Buscarse a vida, pedir axuda cando a necesitamos, investigar sobre o que queremos e nos gusta, traballar no noso proxecto de vida.
  • Coidarse, recuperar e coidar da familia, formarse, buscar e atopar traballo.
  • Querer aportar á comunidade. Saber manexar situacións conflitivas de maneira diferente a como o facíamos antes.
  • Traballar nas recaídas, xestionar o estrés, manter o contacto cos profesionais e especialistas.
  • Coñecer os nosos deberes e dereitos.
  • Recuperar hábitos de vida saudables, fortalecer o noso corpo.
  • Ter relacións saudables con outras persoas.

 

Seguir traballando para mellorar a nosa saúde mental é un seguro de calidade de vida-

 

Deixa unha resposta