1º Encontro PAIEM–Pontes de Inclusión

Un espazo para reescribir historias

A semana pasada levamos a cabo un encontro no que se puxeron palabras ás historias de tres persoas, actualmente usuarias do programa Pontes de Inclusión e anteriormente privadas de liberdade que participaron no programa PAIEM no centro penal da Lama. Historias que están a escribir agora e ás que debemos dar voz.

Quixemos que este primeiro encontro tivese un dobre obxectivo: por unha banda, seguir traballando na preparación para a vida en liberdade das persoas que actualmente están no penal; pola outra, ofrecer un espazo para que quen xa está ao outro lado do muro poida compartir a súa experiencia e a súa historia de superación, resistencia e resiliencia, máis alá do relato dominante arredor do delito, o consumo e o cárcere.

Comezamos falando das vidas actuais, do sentido e do proxecto de futuro, poñendo nome ás novas etapas que están a vivir, caracterizadas pola “harmonía”, “superación”, “normalización” ou “resistencia”.

Compartíronse historias que levan ata seis anos escribíndose: relatos de abstinencia, de manter un traballo, dos tropezos ao saír da prisión, de reaprender a vivir e de cambios no estilo de vida.

Falamos do que se gaña e do que se perde cunha recaída, da capacidade de afrontamento e de pedir axuda, e do manexo e aceptación das emocións como factores de protección. “Non me vou arrepentir nin sentir culpa. Os tropezos forman parte do proceso”. Iso é reautoría: coller un episodio que a historia dominante etiquetaría como “fracaso” e integralo como parte da aprendizaxe.

Detivémonos a conversar sobre as rutinas significativas: deporte, traballo, obradoiros, actividades no centro ocupacional, responsabilidades familiares… Cada unha destas actividades constrúe un contrarrelato fronte á historia da dependencia ou da irresponsabilidade. E tamén sobre os valores que as sosteñen: disciplina, constancia, compromiso, traballo e superación. Unha frase resume a idea: “O movemento mantennos con vida”.

Preguntámonos: “E se dentro dun ano puideses mirar atrás e dicir que algo cambiou de verdade, que sería?” Deste exercicio xurdiron novos capítulos por escribir: liberarse de malas compañías ou conseguir un novo traballo.

Falamos tamén das persoas que acompañan os procesos de recuperación e de como inflúen as relacións saudables: nas amizades, na parella, cos animais e mesmo con un mesmo ou unha mesma. Xurdiron reflexións arredor do recoñecemento e o autocoñecemento, do redescubrimento persoal e da importancia de parar e mirar cara dentro.

Foi unha xornada marcada pola honestidade e a xenerosidade, con reflexións en voz alta como a que compartiu un dos participantes: “Son selectivo coas persoas que me rodean. Céntrome en min para evitar problemas”.

É doado interpretar esta afirmación como illamento ou dificultade para relacionarse. Pero, escoitándoa con atención, revela outra cousa: aprendizaxe. Tras relacións que doeron, confianzas mal correspondidas e experiencias difíciles, tomou unha decisión: coidarse. E coidarse, ás veces, implica mirar cara dentro antes de abrir a porta a calquera. Non é fobia social, senón experiencia convertida en criterio. Un xeito de protexer a historia que está a construír, dándolle espazo só a quen realmente suma. Porque unha vida tamén se constrúe coas persoas que deixamos entrar nela. E iso non é illamento: é autoría.

Xurdiron tamén outras reflexións, como: “O medo non serve de nada, salvo que te manteña en alerta”. Non se trata de vivir con medo, senón de non deixar que o medo viva por nós. A alerta é activa e o medo serve para manternos espert@s, atent@s e presentes.

E nesa diferenza está a clave: non eliminar o medo, pero si poñelo no seu sitio. Que sexa un faro, non unha cadea.

Falamos de como os dispositivos de apoio poderían acompañar mellor a sabedoría das persoas. Pediuse algo sinxelo e profundo: seguimentos reais, acompañamento nas súas historias, non intervencións que xulguen ou dirixan.

No cárcere, o relato dominante di que se perde todo, que só hai destrución ou anulación. Pero neste encontro fomos quen de construír outra narrativa: falouse de disciplina, de rutina, de responsabilidade, de confianza nos profesionais e no equipo. Non como sometemento, senón como unha forma de sobrevivir sen deixar de ser quen se é.

Apareceu unha frase que resume esta idea: “Non hai anarquía sen disciplina”. Unha anarquía entendida non como caos, senón como organización para a liberdade. Mesmo dentro, existe a posibilidade de elixir como estar.

Así, cando preguntamos como se atravesan eses días, a resposta non foi só “resistindo a pesar de todo”, senón “construíndo algo mesmo estando en prisión”. E iso cambia a historia.

Para rematar, ao pedir un consello baseado na experiencia, o grupo deixou catro ideas clave que xurdiron de forma espontánea:

“Jódete por parvo”: non como insulto, senón como unha chamada á responsabilidade. Asumir as consecuencias, por duras que sexan, é o primeiro paso para reescribirse.

Autocrítica: non para castigarse, senón para revisarse con honestidade. Preguntarse: “E eu que fixen?”, sen escusas nin desvíos.

Aguanta / Resistencia: porque hai días nos que todo empurra cara atrás. Neses momentos, manterse firme, con tenacidade, é fundamental.

Vive e deixa vivir: deixar de xulgar e respectar os procesos alleos. Cada quen leva a súa mochila e escribe a súa historia.

Foi unha xornada chea de aprendizaxe entre iguais, entre compañeiros e compañeiras, desde a honestidade e o compromiso; unha xornada que remove, que fai lembrar e que convida a colocarse nun lugar diferente para contar a propia historia.

Unha experiencia que merece repetirse, porque deixa pegada.

*O programa Pontes de Inclusión está financiado pola Consellería de Política Social e Igualdade a través  través de las ayudas con cargo al 0,7% do IRPF.

O programa PAIEM está financiado pola Fundación Barrié.

Deixa unha resposta