10 anos do PAIEM

paiem

En novembro do ano 2009 Lenda comeza a traballar no Centro Penal de A Lama colaborando co equipo terapéutico do centro no PAIEM (Programa de atención integral a persoas con enfermidade mental). Foi tamén nese ano cando este programa se implanta de maneira obrigatoria para os centros penais de todo o estado español.

En 2009 o grupo de traballo non chegaba aos 10 usuarios, hoxe, 10 anos despois, trabállase cada día con máis de 40.

Un programa en continuo cambio, no que a colaboración de Lenda sempre estivo presente nas súas terapias, na atención individualizada e no traballo coas familias.  O obxectivo do programa sempre foi o de mellorar a calidade de vida das persoas con problemas de saúde mental no centro. E podemos dicir que esa mellora produciuse ao longo deste tempo o que non quita a idea que mantemos de que os centros penais non son o lugar idóneo para a recuperación en saúde mental.

En todos estes anos intentamos implantar unha cultura da saúde mental no centro. Do rexeitamento nos primeiros anos ao programa por ser para “os tolos” pasamos á solicitude por parte dos internos a participar nel. A implicación dos profesionais, dos internos de apoio, así como das diferentes direccións do centro e das entidades como Cruz Vermella, FADEMGA Plena Inclusión ou Lenda, fan posible que os internos se beneficien de actividades de  calidade.

paiem

A por outros 10 anos máis!

A través da financiación do programa por parte da Fundación Barrié e das subvencións con cargo ao IRPF do Ministerio de Interior, Lenda seguirá traballando para seguir mellorando esa cultura da saúde mental, traballando para a recuperación,  a reinserción e a reivindicación de dereitos.

Traballaremos como ata agora de cara a conseguir unha maior sensibilización en saúde mental de toda a comunidade penitenciaria, para romper barreiras entre as institucións públicas e privadas para que a reinserción das persoas con enfermidade mental xudicializadas sexa realmente efectiva. Traballaremos reivindicando a creación de recursos para a reinserción, visibilizando o traballo que facemos e avanzando na igualdade de dereitos das mulleres dentro do centro penal, porque son un minoría case invisible, pero que existe e coa que temos o compromiso de seguir traballando.

Deixa unha resposta