Un de cada dez galegos toma antidepresivos

Galicia lidera o consumo de psicofármacos en España. Máis de 226.100 persoas necesitan antidepresivos e uns 400.000 galegos toman tranquilizantes e pastillas para durmir. O 15% da poboación galega toma tranquilizantes ou pílulas para durmir. É a porcentaxe máis elevada de España, por riba da media nacional do 10%.

O aumento da incidencia de trastornos do estado de ánimo, a maior detección diagnóstica por parte dos médicos de Atención Primaria, así como a extensión das indicacións terapéuticas autorizadas para estes medicamentos son algunhas das razóns que hai detrás deste incremento. Este coincide co periodo máis duro da crise económica. O desemprego e as dificultades económicas son factores que inflúen no aumento dos casos de depresión. Outro factor a ter en conta en Galicia é o envellecemento da poboación e o illamento.

A idade tamén está detrás do alto consumo doutros medicamentos. Galicia é a comunidade con máis poboación que toma medicinas para a tensión arterial (22%), para o colesterol (20%) e para os problemas de estómago (21%). Igualmente encabeza o consumo de produtos para a alerxia (5%).

Por último destacar que un terzo da poboación galega toma fármacos para aliviar a dor, case 780.000 galegos en total.

Deixa unha resposta