Servizos

SERVIZO DE INFORMACIÓN, ASESORAMENTO E APOIO

Programa de información e orientación

O nosos profesionais ofrecen atención individualizada e especializada, proporcionando información e asesoramento sobre saúde mental e recursos existentes que poidan servir de utilidade ás persoas que teñen unha enfermidade mental, ás súas familias ou persoas achegadas.

SERVIZO DE RESPIRO FAMILIAR

Programa de Respiro Familiar

Intentamos favorecer a calidade da convivencia familiar, proporcionando oportunidades de respiro ás persoas con enfermidade mental e aos familiares cos que conviven.

As persoas que participan neste programa rachan coa rutina diaria dun xeito lúdico, cultural e saudable. O programa desenvólvese con actividades culturais, estancias vacacionais de fin de semana, viaxes de curta duración organizadas dende FEAFES Galicia e viaxes do IMSERSO.

SERVIZO DE ACCIÓN SOCIAL

Programa de Atención Integral de Persoas con Enfermidade Mental no Centro Penitenciario de A Lama

O obxectivo xeral deste programa é o de mellorar as situacións das persoas con enfermidade mental que están privadas de liberdade.

Obradoiros de psicoeducación, estimulación cognitiva, hábitos de vida saudable, saídas terapéuticas e deportivas, son parte das terapias que traballamos, dirixidas a aumentar a súa adaptación ao ámbito penitenciario, a mellorar a súa autonomía persoal e prepararse para a saída.

Traballamos tamén coas súas familias e persoas achegadas. Realizamos obradoiros de sensibilización en saúde mental específicos para funcionarios.

No ano 2017 recibimos a Medalla de Bronce ao Mérito Social Penitenciario, condecoración que outorga a Secretaría Xeral de Institucións Penitenciarias, polo traballo realizado no programa PAIEM no Centro Penitencario de A Lama.

Programa de Atención a Domicilio no Medio Rural e Programa de Acompañamento Integral

Ámbolos dous son programas de acompañamento terapéutico, individualizado e integral que pretenden favorecer a atención ás persoas con enfermidade mental que residen tanto no ámbito rural do concello de Redondela e outros concellos limítrofes, como en zonas urbanas.

Están indicados para persoas con enfermidade mental que presentan de forma consistente dificultades en áreas básicas da vida diaria, no seguimento dos tratamentos, na continuidade da atención sociosanitaria, no acceso aos dispositivos e recursos para a integración social, na participación de actividades na comunidade, ou con grave risco de padecer estas dificultades a curto ou medio prazo.

SERVIZO DE ATENCIÓN SOCIOFAMILIAR

Programa de Apoio Psicolóxico a Familiares  e Programa de Escola de Familias e Axuda Mutua

Coidar das coidadoras e coidadores podería ser o resumo deste programa, co que damos apoio aos familiares implicados, como axentes activos no proceso de tratamento e rehabilitación das persoas con enfermidades mentais, para previr e manexar posibles alteración físicas, psicolóxicas e sociais, derivadas das tarefas que isto conleva, proporcionándolles información sobre saúde mental, dándolles soporte emocional e recursos para a resolución de conflitos, fomentando sempre o autocoidao.

SERVIZO DE REHABILITACIÓN

Programa de Habilidades da Vida Diaria.

Procurar a mellora da calidade de vida das persoas participantes, a través do aumento da autonomía, é o obxectivo deste programa.

Para isto realizánse actividades básicas e instrumentais da vida diaria, de xeito que se recuperen, manteñan ou adquiran as habilidades necesarias para desenvolverse de xeito máis independente posible na súa contorna familiar e social.

Centro de Rehabilitación

O Centro de Rehabilitación Psicosocial e Laboral Lenda (CRPL) ten 45 persoas prazas concertadas co Servizo Galego de Saúde.

No CRPL priorizamos a rehabilitación e recuperación dos procesos cognitivos (atención, percepción, memoria, comprensión, etc.) dos nosos usuarios e usuarias, buscando que acaden o máximo desenvolvemento das súas capacidades, habilidades e destrezas, que lle permitan levar unha vida autónoma, independente e normalizada.

Centro Ocupacional

O Centro Ocupacional Lenda ten 10 prazas, 9 das cales están concertadas coa Consellería de Política Social, e derivadas a través do Servizo de Dependencia e Autonomía Persoal.

O noso obxectivo é potenciar e mellorar as habilidades necesarias para a preparación e integración laboral, coa finalidade de conseguir o maior desenvolvemento persoal dende una perspectiva normalizadora e integradora.

SERVIZO DE COMUNICACIÓN, SENSIBILIZACIÓN E PARTICIPACIÓN

Este servizo permítenos establecer unha conexión coa sociedade, a través da nosa participación en actividades, eventos, concentracións, etc.

Tamén dando a coñecer o noso traballo a través de diferentes medios: a nosa páxina de Facebook Asociación Lenda de Saúde Mental e o perfil de Instagram lenda_sm, así como en prensa escrita, prensa dixital, radio, televisión, etc.