Reclusos andando o Camiño

Dentro das actividades do programa de intervención PAIEM, un grupo de reclusos do Centro Penal de A Lama están a facer un tramo da ruta portuguesa do Camiño de Santiago. Os internos estiveron acompañados por profesionais do programa PAIEM para a atención de internos con problemas de saúde mental, o cal é levado a cabo pola asociación Lenda no Centro Penal de A Lama desde o ano 2009 co obxectivo de mellorar a calidade de vida e a reinserción social destas persoas.
Esta saída pretende fomentar a cohesión grupal dos internos e a súa relación cos terapeutas do centro fóra do contexto penal, promover a súa saúde mental, reforzar a súa adaptación social e dotar de sentido a todo o seu proceso rehabilitador.

Programa PAIEM

O Programa para a Atención Integral a Persoas con Enfermidade Mental en Centros Penais (PAIEM) consiste nun traballo de intervención con persoas con problemas de saúde mental grave e crónica recluídas nos centros penais galegos. Lévase a cabo a través dun convenio de colaboración entre Saúde Mental FEAFES Galicia, a Fundación Barrié e a Secretaría Xeral de Institucións do Ministerio de Interior.
Actualmente, o programa PAIEM aplícase nos cinco centros penais de Galicia a través das asociacións Alume (Bonxe e Monterroso), Morea (Pereiro de Aguiar), Lenda (A Lama e CIS Carmen Avendaño) e APEM (Teixeiro e CIS Carmela Arias). Para iso, os técnicos das asociacións traballan coordinadamente cos funcionarios e profesionais dos centros penais.
O seu obxectivo é conseguir que as persoas internas con problemas de saúde mental coñezan e aprendan a manexar a súa patoloxía, evitando recaídas e favorecendo á vez a participación nos programas e recursos do centro. O último ano, neste programa participaron 166 persoas con enfermidade mental grave e persistente, atendéronse a 22 familias e foron formados 44 funcionarios.

Deixa unha resposta